Memorial ás vitimas do franquismo

Chamamento ás vítimas do franquismo. 1936-1976.

En xullo do 1936 importantes seccións do Exército español erguéronse en armas contra da legalidade republicana, desencadeando unha guerra de tres anos. A represión foi o medio principal para acadar un Nuevo Estado asentado de maneira permanente nunha represión metódica e implacable, un réxime que nunca se someteu a ningún control democrático: aquel tempo cruel durou ata 1976, catro décadas.

O Pleno municipal de Ferrol aprobou o 29 de setembro do 2017 (sen ningún voto en contra) a construción dun MEMORIAL que recollerá a lista nominal de vítimas do franquismo nos territorios de Eume-Ferrolterra-Ortegal, tomando como centro de referencia Ferrol como lugar onde a represión mortal foi cuantitativamente máis elevada.

A elaboración da nómina de vítimas foi confiada aos Drs. Hª. Bernardo Máiz Vázquez e Xosé Manuel Suárez como propoñentes dun proxecto elevado para o seu coñecemento e financiación á Mancomunidade, á Deputación e aos 21 concellos da área estudada. Non imos detallar agora as dificultades para pescudar as identidades de todas as vítimas. Nesta altura, os profesores Máiz e Suárez, como produto do xa esculcado, contrastado na análise dos sumarios dos consellos de guerra que produciu a represión e coa investigación en rexistros civís e parroquiais, contan cunha moi fiable e completa base de datos de persoas represaliadas con nomes, datas, lugares, ...

Podemos adiantar que de Ortegal ao Eume o número de vítimas de fusilamentos e de ”paseos” entre 1936 e 1939 supera con moito ás oitocentas. Tristemente, a represión continuou durante toda a Ditadura e aínda sobrepasou á morte do ditador, de xeito que a cifra total de persoas asasinadas ata 1976 achegase ás mil.

A lista permanecerá 15 días na páxina WEB do Concello de Ferrol, PREGAMOS COMUNIQUEN AS INEXACTITUDES, OMISIÓNS, ERROS, AUSENCIAS,... CUBRINDO O FORMULARIO ADXUNTO.

Con este MEMORIAL, renderemos homenaxe perdurable ás mulleres e homes que entre 1936 e 1976 deron a súa vida na defensa da democracia e a igualdade.

Ferrol. Xuño 2018.

Pode consultar a Listaxe de vítimas do franquismo 1936-1976 (Eume-Ferrolterra-Ortegal) premendo no documento da dereita Listado vítimas franquismo

Formulario de suxestións

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar