Novas

xoves, 15 de xuño de 2017

O GOBERNO DE FERROL AVANZA NA NEGOCIACIÓN DO CONVENIO CON DEFENSA NA PROCURA DA MELLOR VERSIÓN NO INTERESE PÚBLICO E COLECTIVO

“Son pezas cruciais para a cidade e traballamos cooperativamente na procura da mellor versión dun convenio que leva decenios dando voltas”, manifestou Suárez


O GOBERNO DE FERROL AVANZA NA NEGOCIACIÓN DO CONVENIO CON DEFENSA NA PROCURA DA MELLOR VERSIÓN NO INTERESE PÚBLICO E COLECTIVO

Ferrol, 15 xuño.- O Goberno de Ferrol, encabezado polo seu alcalde, Jorge Suárez, e a concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, mantivo hoxe unha xuntanza coa dirección do INVIED, Instituto de Vivenda e Equipamento da Defensa do Ministerio, para avanzar na negociación do convenio de Defensa no interese común e colectivo do municipio de Ferrol coa vontade de pechar, no mellor escenario posible, esta materia pendente dos últimos gobernos da cidade.


A reunión, que se alongaba algo mais dunha hora, tiña lugar no despacho do alcaldía. Na representación do INVIED asistiron Atilano Lozano Muñoz, director xerente do INVIED, Alfonso Romero, subdirector de Enajenación, e Álvaro Barón, secretario xeral.


"Foi unha xuntaza positiva e productiva, con intercambio de documentos e actitude positiva por ambas partes", resumía ao termo o rexedor, co ánimo de avanzar no desenvolvemento de aspectos do convenio que non quedan recollidos nas cláusulas do mesmo, como a urbanización do Sánchez Aguilera -peza central do convenio- que require unha inversión de uns 12 millóns de euros, de acordo aos cálculos feitos polos técnicos municipais.

"Tratamos de avanzar nun convenio que leva case decenios dando voltas para garantir que ese investimento sexa feito nunha saída boa para a cidade que non sexa perxudicial para os nosos intereses", manifestaba Suárez. "Hai avances pero hai que agardar, engadía o primeiro edil de Ferrol, “seguimos avanzando para ter todos os datos precisos porque son partes cruciais da cidade, non só o Sánchez Aguilera, e traballamos no interese público sen abonar custos que creemos que non nos corresponden e plusvalías innecesarias", rematou.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar