Novas

venres, 16 de xuño de 2017

A FRAGATA, PRAIA SEN FUME DO CONCELLO DE FERROL NESTE VERÁN 2017

O Concello de Ferrol insta ás persoas fumadoras a non tirar as cabichas de cigarrillos na praia ou no chan, en calquera entorno, lembrando que tardan 10 anos en degradarse


A FRAGATA, PRAIA SEN FUME DO CONCELLO DE FERROL NESTE VERÁN 2017

Ferrol, 16 de xuño.- O Concello de Ferrol ven de sumarse, neste ano 2017, a Rede autonómica de Praias sen Fume que promove, entre outros obxectivos, desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade.


A praia proposta e elixida foi A Fragata, en Covas, que xa loce o cartel informativo e, en breves, a bandeira que a distingue como Praia sen Fume.


Trátase dun programa educativo, de promoción da saúde e á vez de protección do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario e sen afán recadatorio.


Nos anos anteriores, o traballo do Goberno centrábase en repartir entre os usuarios depósitos portátiles para depositar as cabichas no canto de soterralas na area, nunha labor de concienciación e de coidado do medio ambiente. Agora, un paso adiante, trátase de que non se fume na praia a fin de que os usuarios, entre os que se contan moitas familias con meniños, campistas e bañistas, surfistas deste areal, desta non se vexan obrigados a convivir cos malos fumes e para evitar, de paso, o problema ambiental que xeran as cabichas.

Cómpre lembrar que as cabichas poden tardar ata dez anos en degradarse, e que levan a pegada de múltiples compoñentes químicos que conteñen tóxicos que constitúen unha ameaza para os ecosistemas mariños.


Segundo estudos realizado pola organización Ocean Conservancy, unha sola cabicha pode contaminar 8 litros de agua de mar e ata 50 litros de agua potable. Cómpre sinalar ademais o impacto visual que xeran por ser un dos lixos máis abundantes e presente en practicamente todas as localizacións onde se atopa o ser humano.

O Concello de Ferrol insta ás persoas fumadoras a non tirar as cabichas de cigarrillos no chan, tanto na cidade coma no campo ou na praia, baixo ningún concepto, contribuíndo deste xeito a evitar a contaminación que provocan.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar