Novas

mércores, 11 de outubro de 2017

O PREMIO INTERNACIONAL DE PIANO CIDADE DE FERROL CHEGA ESTE 2017 A SÚA EDICIÓN NÚMERO 31

Disputarase no Jofre do 17 al 24 de novembro con mais de 25.000 euros en premios para os mellores talentos mundiais do piano


Ferrol, 11 de outubro.- A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol ven de convocar a edición número XXXI do Concurso Internacional de Piano "Cidade de Ferrol", que terá lugar en Ferrol entre os días 17 e 24 de novembro de 2017 de acordo co seguinte calendario:


-17 de novembro: concerto inaugural e sorteo público (orde de participación)
-18 a 22 de novembro: primeira e segunda proba eliminatorias
-23 de novembro: ensaio dos 3 finalistas con Orquestra Sinfónica de Galicia
-24 de novembro: proba final do concurso

Poderán participar no concurso todas aquelas persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que teñan unha idade comprendida entre os 16 e os 35 anos á data límite para a inscrición (31 de outubro) e que non obtiveran o primeiro premio nalgunha das súas edicións anteriores. O prazo de inscrición rematará o día 31 de outubro de 2017.

O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, puxo o acento en sinalar que este é un reputado certame a nivel internacional que implica un enorme esforzo económico por parte do Concello e que ten a súa recompensa no altísimo nivel dos concursantes, no prestixio dun premio que leva o nome de Ferrol, como capital internacional dopiano durante uns días de novembro coas audicións abertas no teatro Jofre para o deleite de todos.

Ferrol leva a música na súa idiosincrasia. Temos un conservatorio no que estudan 500 nenos e nenas, unha gran banda municipal e este certame é unha referencia a nivel internacional con moita calidade polo que seguiremos apostando”, destacou.

Os premios desta 31 edición serán os seguintes:

· Primeiro Premio: diploma e 12.000 €

· Segundo Premio: diploma e 6.500 €

· Terceiro Premio: diploma e 4.000 €

· Premio ao mellor intérprete de música española: diploma e 2000 €

· Premio Gregorio Baudot ao mellor intérprete galego: diploma e 1.000€

As probas do concurso consistirán en dúas eliminatorias e unha proba final, todas elas de carácter público e de balde no Jofre.

probas do concurso consistirán en dúas eliminatorias e unha proba final, todas elas de carácter público e coas seguintes características:

a) Primeira proba eliminatoria. Duración máxima, 35 minutos. Interpretación dun programa de libre elección que inclúa:

* Un preludio e fuga de “O clavecín ben temperado”, de J. S. Bach.
* Un estudo a elixir entre os de Chopin, Liszt, Scriabin, Rachmaninov, Debussy ou Ligeti.

b) Segunda proba eliminatoria. Duración máxima, 50 minutos.
Recital de libre elección, no cal deberá incluír unha obra, a elixir, entre os seguintes compositores españois:

Albéniz: Unha obra de "Iberia", "Navarra" ou "La Vega".
Granados: Unha obra de "Goyescas" ou "El Pelele".
Falla: "Fantasía Bética" ou "4 Piezas Españolas".

Non se admitirán obras interpretadas na primeira proba.

c) Proba final con orquestra. Os concursantes actuarán acompañados pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

Os concursantes interpretarán un concerto con orquestra que se elixirá entre os seguintes:

* W. A. Mozart: KV 466 en re menor
* W. A. Mozart: KV 488 en la maior
* Beethoven: nº 3, 4 e 5
* R. Schumann: Op. 54 en la menor
* F. Chopin: nº 1 e 2
* F. Liszt: nº 1 e 2
* P. I. Tchaikovsky: nº 1
* Rachmaninov: nº 2 e 3
* S. Prokofiev: nº 1 e 3
* M. Ravel: Concerto en Sol maior


Ligazón: http://www.ferrol.es/piano/ga/bases.html

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar