Novas

xoves, 07 de decembro de 2017

FERROL E NARÓN URXEN A AUGAS DE GALICIA A UNHA XUNTANZA INMEDIATA PARA PROCURAR UNHA SOLUCIÓN POLÍTICA AO SANEAMENTO

Os alcaldes remitiron unha carta conxunta ao director do ente autonómico na busca dunha solución que evite abrir un conflito


FERROL E NARÓN URXEN A AUGAS DE GALICIA A UNHA XUNTANZA INMEDIATA PARA PROCURAR UNHA SOLUCIÓN POLÍTICA AO SANEAMENTO

Ferrol, 6 decembro.- O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, urxen a Augas de Galicia a manter unha xuntanza a tres bandas no inmediato para procurar unha solución de común acordo que evite abrir novos conflitos entre administracións veciñas polo necesario saneamento da ría, unha cuestión que atinxe e preocupa a veciñanza dos nosos concellos.


Suárez e Ferreiro asinaron e remitiron este martes 5 un escrito conxunto e dirixido ao director do ente Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, solicitándolle unha xuntanza no prazo mais breve posible.


O incumprimento na redacción dun borrador de convenio baixo uns parámetros claros e concisos e xa acordados -polas alcaldías de Narón e Ferrol- está a por en risco o desenvolvemento do saneamento integral da ría nun marco xurídico axeitado, cooperación que é un deber ineludible de Augas de Galicia, que ten a competencia concreta de control e supervisión do servizo”, reza o escrito.


Ambos rexedores, no escrito que dirixen a Xunta de Galicia, do que depende o ente autonómico, apostan claramente por acadar unha solución política conxunta ao conflito do saneamento. Consideran que “a dilación indebida do organismo autonómico pode supor a consolidación dun convenio que naceu de xeito provisorio de cara a unha supramunicipalización da xestión do servizo, de forma mancomunada, e participada polas tres Administracións”.


Os alcaldes de Narón e Ferrol mantiveron unha xuntanza o pasado 22 de novembro na que, dando mostra do seu afán e capacidade negociadoras, recoñecen que o convenio asinado no seu día entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol “debe ter un carácter provisional que non resulta debidamente clarificado naquel documento”.


Os dous concellos, que comparten e compartirán o saneamento da ría, esixen a Augas de Galicia de que a duración do convenio con Ferrol remate o 1 de agosto de 2018. A partir desa data, afirman os dous alcaldes “calquera decisión sobre a xestión da depuradora e demais infraestruturas vencelladas ao saneamento deberá consensuarse entre as tres administracións implicadas: Augas de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón”.


No caso de que non se materialice ese acordo na data indicada, a xestión reverterá inmediatamente a Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.


De producirse a conformidade coa demanda das administracións locais, asinando conxuntamente con Augas un documento consensuado a tres bandas, os alcaldes de Ferrol e Narón, están decididos e dispostos a manter o compromiso político xa acadado no pasado coa financiamento ao 70% e 30 entre ambos concellos. Tanto Narón como Ferrol apostan pola supramunicipalización da xestión e a solución política das diferencias, e resolución das contías pendentes de pago, acordadas, reservadas e previstas para tal fin.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar