Novas

venres, 12 de xaneiro de 2018

OITO BOLSEIROS TITULADOS INICIAN ESTE LUNS UN ANO DE PRÁCTICAS NA REDE DE BIBLIOTECAS MUNICIPAIS

Son oito persoas que completarán a súa formación cun ano de prácticas remuneradas en virtude a un convenio asinado polo Concello coa UDC que tece redes entre as dúas entidades


OITO BOLSEIROS TITULADOS INICIAN ESTE LUNS UN ANO DE PRÁCTICAS NA REDE DE BIBLIOTECAS MUNICIPAIS

Ferrol, 12 de xaneiro.- Oito rapazas e rapaces iniciarán este luns 15 un ano de prácticas remuneradas na rede de bibliotecas municipais do Concello de Ferrol -Praza de España, Caranza e Inferniño- froito dun acordo asinado en decembro entre o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Cultura e Educación e a Universidade da Coruña.


Oito persoas tituladas iniciarán o luns as súas prácticas profesionais remuneradas cunha bolsa de doce meses de duración nas tres bibliotecas (7 persoas) e no Arquivo Municipal de Ferrol (1). O importe total do convenio, asinado por dous anos -entre o concelleiro Basterrechea e a vicedecana da UDC, Rocío Ameneiros- e prorrogable a vontade das partes, ascende a 85.221,12 euros e a remuneración mensual de cada un dos bolseiros durante o ano de prácticas será de 850 euros.


A convocatoria foi publicada a finais de decembro na páxina web do Concello e estaba dirixida a Diplomados en Biblioteconomía, Licenciados en Documentación, Grado de Información e Documentación expedido pola Universidade da Coruña. En total, presentáronse 35 solicitudes para as oito prazas.


Os oito bolseiros realizaran a súa formación en prácticas durante 12 meses desde a data da sinatura, no horario habitual da xornada dos seus traballadores, ate un máximo de 37 e 1/2 horas semanais.


O concelleiro, Suso Basterrecha, volvía a subliñar hoxe a importancia de tender pontes Concello-Universidade, en torno ao campus ferrolán como lugar de encontro da cidade coas facultades e o eido académico, para procurar a inserción dos titulados no seu ámbito profesional específico, abrindo o camiño de acceso ao mercado laboral e reforzando a prestación dun servizo esencial como son as bibliotecas públicas, cunha media diaria de público de 900 a 1.200 persoas.


O edil salientaba, especialmente, a aposta que se fai desde a Concellería de Educación e Cultura por complementar a actividade da biblioteca con obradoiros, exposición, proxeccións e ciclos, desde contacontos para nenos, actividades de maxia, e os obradoiros para mozos e adultos de teatro, cine, e clubes de lectura.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar