Novas

venres, 12 de xaneiro de 2018

CULTURA EDITA UN COIDADO CATÁLOGO DAS OBRAS DE TOMÁS BARROS DOADAS POLA SÚA FAMILIA AO CONCELLO

Basterrechea agradecía ao fillo do pintor ferrolán a súa xenerosidade na cesión dunha valiosa colección que reforza o patrimonio pictórico da cidade A exposición do CTB pódese visitar ate o 18 de febreiro para percorrer tres décadas de creación na obra de Barros, que se prodigou tanto na pintura como na poesía e no teatro


 CULTURA EDITA UN COIDADO CATÁLOGO DAS OBRAS DE TOMÁS BARROS DOADAS POLA SÚA FAMILIA AO CONCELLO

Ferrol, 12 de xaneiro.- O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, presentaba esta mañá en rolda de prensa o coidado catálogo que ven de editar o Concello de Ferrol para recompilar a obra de Tomás Barros, no que se recollen las 25 obras que foron doadas ao municipio pola familia do artista ferrolán, xa falecido, e que se expoñen no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB). Estivo acompañado na presentación de Tomás Barros, o fillo do pintor, e da súa irmá Araceli Barros.


A edición do catálogo, cunha tirada de preto de medio milleiro de exemplares que se poden recoller de balde no propio CTB era unha materia pendente para darlle a estas 25 obras doadas -que se suman as tres que xa tiña o Concello o propiedade-, o recoñecemento que merece unha colección de tal calidade logo dun ano de xestión e trámites que cristalizaron coa cesión e coa exposición. Inclúe tanto as 25 obras cedidas como as tres que xa eran propiedade do Concello. 


A exposición sobre a obra de Tomás Barros abría as súas portas o 22 de decembro e ficará aberta ate o 18 de febreiro no CTB É a primeira mostra sobre Barros na súa cidade nesta última década, e coincide no ano do 31 aniversario da súa morte. A súa produción pictórica, de crecente tendencia abstractiva a partir da década dos 60, caracterízase por unha preocupación polo ritmo, a forma e a cor, manifesta polo propio artista en varios dos seus ensaios.


A mostra, apuntou hoxe Basterrechea, percorre tres décadas de creación plástica de Tomás Barros, pintor, poeta, ensaísta, autor teatral, novelista, articulista, catedrático, e membro correspondente da Real Academia Galega.


Polas súas cualidades humanas, polo maxisterio e pola inmensa calidade da súa obra, Tomás Barros é un artista moi destacado e moi apreciado e moi a ter en conta. Forbama parte dunha xeración que, coa morte de Collado, lamentablemente rematou”, subliñaba o concelleiro. Tomás Barros, fillo, pola súa banda, manifestou a súa satisfacción polo resultado da cesión ao Concello e coa propia exposición, tanto na orde, como na colocación e no coidado amosado.


Estamos moi a gusto e moi satisfeitos coa relación co Concello e co concelleiro, e da volta a obra do meu pai, de Tomás Barros, logo de moitos anos, e case no centenario do seu nacemento en Ferrol”, manifestaba hoxe o fillo.


Malia que descoñecido para o gran público aínda na súa cidade natal, Tomás Barros é unha das figuras craves do grupo da intelectualidade galega que sen optar polo exilio compartiu con este inquietudes e colaboracións, tal como sucedeu no caso de Barros con Luís Seoane, Rafael Dieste, Vicente Aleixandre, Celso Emilio Ferreiro ou o seu primo Isaac Díaz Pardo.


O artista é, en palabras do escritor, poeta e catedrático Xesús Alonso Montero “uno dos grandes protagonistas” de un movemento literario e artístico que sufriu especialmente o silenciamento, mesmo ao termo da ditadura. Barros, recoñecido dinamizador do panorama intelectual galego, foi co-fundador en 1952 da revista de poesía e crítica literaria Aturuxo xunto aos ferroláns Mario Couceiro e Miguel C. Vidal, e en 1975 a revista de poesía Nordés xunto a Luz Pozo Garza.


No arquivo persoal do autor, doado pola familia á Real Academia Galega o pasado novembro, inclúese a correspondencia persoal do artista con outras figuras contemporáneas de dentro e fóra de Galicia, como Gerardo Diego, Vicente Aleixandre, Gabriel Celaya, Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade, Ricardo Carballo Calero ou Bernardino Graña, ademais de manuscritos de textos publicados na revista Aturuxo de Ramón Otero Pedrayo ou Luís Pimentel.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar