Novas

luns, 14 de maio de 2018

A MANCOMUNIDADE DISPORÁ DUN INFORMADOR TURÍSTICO DO XEODESTINO FERROLTERRA-RÍAS ALTAS NO VERÁN

A Axencia Galega de Turismo concedeulle ao ente supramunicipal unha achega de case cinco mil euros para promocionar as posibilidades da comarca Un total de 301 persoas optan a praza de auxiliar administrativo da Mancomunidade


A MANCOMUNIDADE DISPORÁ DUN INFORMADOR TURÍSTICO DO XEODESTINO FERROLTERRA-RÍAS ALTAS NO VERÁN

Ferrol, 14 maio.- A Mancomunidade de Concellos, no pleno correspondente ao mes de maio celebrado esta tarde na sala de alcaldes do Pazo Municipal de Ferrol, deu conta da subvención concedida pola Axencia Turismo de Galicia, por un importe total de 4.976,58 euros. 

O obxecto desta achega é contratar a un informador turístico durante os meses do verán -xullo e agosto- de 2018, centrado na promoción dos recursos turísticos existentes nos 21 concellos que forman o XeoDestino Ferrolterra-Rías Altas desde unha caseta localizada nun dos concellos do ente supramunicipal nos meses estivais. 

O informador/a que queira optar a este posto terá que estar inscrito como demandante de emprego no servizo público estatal ou ben, en mellorar de emprego. 

Na xuntanza desde órgano mancomunado, no que están representados os concellos Ferrol, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Mugardos, Ares, Cedeira e Valdoviño -que suman 444,4 quilómetros cadrados-,tamén se abordou hoxe a posibilidade de colaborar coa Universidade da Coruña na creación dunha cátedra de estudos sobre Protección Civil e coordinación de Emerxencias. 

¿Liñas de traballo plausibles? Actuacións municipais concretas ante fenómenos meteorolóxicos adversos, comunicacións en emerxencias, autoprotección en centros escolares, plans de emerxencia ou auto protección en espazos peculiares, ademais, da investigación estratéxica sobre espectáculos públicos e actividades recreativas. 

Asemade, deuse conta do informe sobre o cumprimento de prazos do primeiro trimestre de 2018, lei 15/2010 e informouse das 301 instancias presentadas ao proceso selectivo dunha praza de auxiliar administrativo para a Mancomunidade. Corresponde, agora, pola parte dos concellos, a selección dos membros do tribunal e adoptar un acordo relativo a listaxe de persoal seleccionado para a cobertura desta praza. 

Nesta ligazón podedes consultar as bases da convocatoria que foi publicada no taboleiro de anuncios do Concello de Ferrol. 

http://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/mancomunidade/Anuncio_BOP_bases.pdf

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar