Novas

luns, 11 de xuño de 2018

O GOBERNO DE FERROL PON MARCHA O COMEDOR SOCIAL DE CANIDO

Este martes 12 ábrese o prazo de inscrición para maiores de 60 anos coa vontade de inauguralo a finais de mes O de Canido será o quinto comedor social do municipio xunto aos catro que xa funcionan en Río Xuvia, Esteiro, Catabois e Caranza con 30 prazas por centro “Este comedor xa é unha realidade e mañá mesmo pódese facer a inscrición, manifestaba Ruiz que pedía responsabilidade a oposición nas informacións para non prexudicar a veciñanza


O GOBERNO DE FERROL PON MARCHA O COMEDOR SOCIAL DE CANIDO

Ferrol, 11 xuño.-  A concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Saínza Ruiz, anunciou hoxe que este martes 12 ábrese o prazo para presentar a solicitude de inscrición para anotarse no Comedor Social de Canido, coa previsión de inaugurar este quinto centro para maiores a finais do mes de xuño. 


 “Este comedor xa é unha realidade e desde mañá mesmo pódese formalizar a solicitude de inscrición para un comedor que estará ubicado na cafetería do Centro Cívico de Canido”, manifestou Ruiz.


Os interesados dispoñen dun prazo de 10 días hábiles para presentar as súas solicitudes polas canles habituais –Rexistro Municipal de L a V de 9 a 14:00 horas e telemático- que serán valoradas e resoltas polos técnicos de Benestar Social no prazo mais breve posible para iniciar o servizo. A folla de inscrición xa está a disposición dos interesados para a súa descarga na web municipal na seguinte ligazón que vos achegamos, e onde figuran todos os requisitos  e documentación pertinente.


http://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnunciosAmpliar/317


Así o anunciaba hoxe a concelleira de Benestar, logo de lembrar que –tal e como xa informaramos o luns 28 de maio- o servizo de comedores sénior do Concello de Ferrol  foi adxudicado en Xunta de Goberno Local por un importe de 274.032 euros con cargo a dúas anualidades:

 

-ano 2018, 137.280, 00 euros ( 260 días) 

-ano 2019, 136.752,00 euros  (259 días)

 

Nos propios pregos, aprobados o 16 de outubro do 2017, xa se recollía a inclusión  quinto comedor no Centro Cívico de Canido -modificación prevista na cláusula 15 do prego técnico e 34 do PCAP-, tal e como se informara na Comisión ordinaria aos grupos da oposición municipal.

“O orzamento de 2014 eran 125.000 euros e neste ano se incrementa, notablemente, ate os 137.280 para materializar o comedor social de Canido”, subliñaba Ruiz.

 

O servizo foi adxudicado a empresa Alimentación Saludable Gallega, SLU, que ofertou un prezo por menú de 5.90 euros e, entre outros requisitos e melloras, ofrecerá 30 menús diferentes na súa composición que se axustan ao criterio de estacionalidade e que prevén, na súa elaboración, incorporar produtos frescos propios de cada tempada.   A empresa ten o compromiso de ofrecer un total de 10 menús diferenciados na súa composición atendendo a criterios dietéticos e nutricionais para adaptarse as necesidades específicas dos usuarios, e dous especiais ao mes (24 no ano) para agasallar aos usuarios en cumpreanos, bodas de ouro e prata ou datas moi sinaladas. 

 

O contrato recolle que a empresa realizará cinco charlas u obradoiros informativos cada ano nos comedores sociais do Concello con información práctica sobre nutrición e vida activa. Coa posta en marcha do Comedor Social de Canido, que se ubicará na cafetería do Centro Cívico do barrio,  serán, en total, cinco os que estean en marcha no municipio. 

Cada un deles dispón dunhas 25-30 prazas, cunha media anual de 50 usuarios e as solicitudes son tramitadas e valoradas polos técnicos da Concellería de Benestar Social. Coa incorporación do comedor de Canido, o número de beneficiarios totais estímase en 80.

1. Centro Social Municipal de Persoas Maiores na rúa Río Xubia,

2. Centro Social San Pablo,

3. Sociedade Galicia de Caranza

4. Asociación Veciñanza Esteiro

5. Centro Cívico de Canido,

 

O lugar indicado para ubicar o comedor social de Canido, tal e como xa recollen os pregos do contrato, será  a cafetería do Centro Cívico, de luns a venres de 13:30 a 15:30 horas, ademais dun espazo para o almacenaxe de útiles (cristalería, pratos.. ), para conservar e quencer as bandexas térmicas.

 

Hai que ter en conta, lembraba hoxe a edil, que se trata dun segmento da poboación envellecido e polo tanto, é frecuente que se produzan altas e baixas por motivos de saúde e traslados coa familia. Non hai unha idade mínima para o acceso, pero se prioriza as persoas de +60 anos en adiantes, para dar maiores facilidades a este segmento da poboación. Asemade, indicaba a concelleira, vaise facer unha revisión das bases de acceso aos  comedores  coa vontade “de abaratar aínda mais o custo do mesmo por menú”, que se determina en función das pensións dos usuarios, nun abano que vai desde o custo cero, en moitos casos nas rendas mais baixas, ate os 5 euros por menú e día para as pensións mais altas. “Apostamos polos maiores, e procuraremos que non teñan que pagar nin dous nin tres euros porque desde logo, este servizo non ten afán recadatorio”, apuntou.

 

A concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, xa en outubro do 2017, mantivera unha xuntanza previa cos veciños do barrio no Centro Cívico, para informar aos usuarios potenciais do comedor –entre 20 e 30- que amosaron o seu interese por integrarse neste servizo municipal cunha preinscrición que, a partir de mañá, poderán formalizar. O prazo remata o 25 de xuño.

Con respecto as manifestacións públicas feitas desde o grupo maioritario da oposición o pasado venres, nas que aludían falazmente a supostos retrasos na apertura do Centro Cívico de Canido, a concelleira de Benestar Social apelaba hoxe a responsabilidade dos concelleiros para non enganar a cidadanía, particular as persoas maiores, de forma intencionada na procura de réditos políticos para intentar desprestixiar a un Goberno e aos servizos públicos desta cidade.

 

 “Paréceme que dar información non real a veciñanza cando existen uns pregos que son públicos e contrastables, i están publicados na web e informados polos habilitados nacionais é un insulto ao traballo deste Goberno e aos técnicos e a propia veciñanza”, rematou Ruiz, pedindo novamente, responsabilidade na información.

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar