Novas

xoves, 14 de xuño de 2018

FERROL ACOMPAÑA A ASOCIACIÓN DE PERSOAS XORDAS DE FERROLTERRA NUNHA XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN NO DÍA DAS LINGUAS DE SIGNOS

A mediodía, o Concello acollerá un acto institucional e as 22:00 iluminarase de cor azul turquesa o frontal do Pazo Municipal na procura de sensibilización Os actos organizados co gallo desta data terán o seu epicentro no Inferniño


FERROL ACOMPAÑA A ASOCIACIÓN DE PERSOAS XORDAS DE FERROLTERRA NUNHA XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN NO DÍA DAS LINGUAS DE SIGNOS

Ferrol, 13 xuño.- O Concello de Ferrol participará mañá activamente dos actos organizados pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra nunha xornada de especial sensibilización co gallo da celebración, este 14 de xuño, do Día das Linguas de Signos.

 

Os actos foron presentado esta mañá polo miúdo en rolda de prensa pola concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, e o concelleiro de Cultura i Ensino, Suso Basterrechea, arropando a presidenta da entidade, Teresa Gallo.  

 

A Praza do Inferniño será o epicentro das actividades previstas pola ASX coa colaboración do Concello co gallo desta data sinalada no calendario para o colectivo, ‘unha entidade activa e moi agarimosa coa que da gusto traballar”, destacaba hoxe o edil de Ensino.

 

O programa dos actos arranca as 12:00 horas no Salón de Recepcións do Concello cun acto institucional presidido polo alcalde e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, xunto co resto de grupos da corporación, no que se dará lectura a un manifesto, ademais de presentar a campaña #EucoaLSEe se colocará, no balcón principal do pazo, a pancarta do Día das Linguas de Signos.

 

Xa pola tarde, de 17:00 ata as 20:00 horas, na propia Praza do Inferniño estará ubicada unha mesa informativa que incluirá actividades variadas para os/as máis pequenos e para a poboación xeral:

 

- Xogos para para nenos/as e adultos

-  Dinámica “Mitos e verdades da Comunidade Xorda"

 O obradoiro “Aprendendo Signos (LSE)” dirixido á poboación adulta, onde coñecerán o alfabeto dactilolóxico e a signar o seu nome

Lectura dunha poesía en Lingua de Signos

 

Os actos da tarde continúan con teatro, a partires das 18:30 horas, no que os alumnos do obradoiro de LSE do CPI Atios (Valdoviño) representarán unha pequena obra de teatro en Lingua de Signos. E as 19, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Saínza Ruiz, presidirá a entrega de diplomas aos mozos e mozas do CEIP Ponzos, e do CPI Atios pola súa participación nos Obradoiros de Lingua de Signos, celebrados entre outubro 2017 e xuño deste ano.  Para o rematar a xornada,  ás 22:15 horas terá lugar a iluminación do frontal do Pazo Municipal do Concello en cor azul turquesa, conmemorando o Día das Linguas de Signos Españolas.

 

A Asociación de Persoas Xordas de Ferrolerra (AXF) é unha entidade de carácter comarcal, declarada de Utilidade Pública; representa á comunidade xorda desde 1972, como único recurso específico para persoas xordas na comarca de Ferrolterra, procurando a eliminación das barreiras comunicativas que dificultan o seu  pleno desenvolvemento, ademais de proporcionar os servizos necesarios para lograr a maior calidade e autonomía posíbel.

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar