Novas

luns, 31 de agosto de 2015

O Goberno de Ferrol chegará ata o final na exixencia de responsabilidades a Urbaser polo engano na EDAR

O primeiro Consello de Administración de Emafesa será o mércores 2 de setembro


O Goberno de Ferrol chegará ata o final na exixencia de responsabilidades a Urbaser polo engano na EDAR

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e a concelleira de Benestar Social e tenente de alcaldía, Beatriz Sestayo, compareceron este luns en rolda de prensa ao remate da Xunta de Goberno Local (XGL) para manifestar que o Goberno da cidade vai chegar “ata o final” na exixencia de “todas as responsabilidades políticas, administrativas e xudiciais” polo engano e a estafa que supón para a cidadanía o fraude da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Cabo Prioriño.

Suárez indicou que, de acordo a recomendación dos servizos xurídicos co Concello, agardarán ao primeiro Consello de Administración de Emafesa, xa convocado este mércores 2 de setembro, para escoitar as explicación do socio privado –Socamex-Urbaser– que ten as competencias na xestión técnica da Edar de Cabo Prioriño, antes de acudir aos xulgados.

O rexedor reiterou que está decidido “a chegar ata o final na exixencia de todas responsabilidades tanto administrativas, como políticas como xudicialmente porque bombear non é depurar”, dixo Suárez.

Pola súa banda, Beatriz Sestayo, anticipou que, na súa dobre condición de edil e deputada autonómica, preguntará á conselleira de Medio Ambiente e á Xunta de Galicia a través do Parlamento se lle requiriron ao anterior equipo de Goberno local que cumprira coa súa obriga de inspeccionar a EDAR cada tres meses. “Ben por acción o ben por omisión, a responsabilidade política do anterior Goberno é evidente”, manifestou Sestayo.

Resultados preliminares das analíticas da auga da EDAR

Os resultados preliminares das análises da mostra de auga tomada na saída ao mar da EDAR polo alcalde e varios concelleiros durante unha visita sorpresa á planta –o martes 25– indican que o nivel de bacterias coliformes (indicativos da contaminación) é moi superior os parámetros permitidos. Os resultados definitivos coñeceranse nas vindeiras horas, previo a xuntanza con Emafesa.

“Bombear non é depurar e as responsabilidades non se poden eludir”, subliñou o rexedor de Ferrol, que lembrou varias das proteccións ambientais que amparan o patrimonio natural da comarca (LIC, Rede Natura e zona ZEPA) para apuntar que nos atopamos ante “unha situación que roza, non só a neglixencia, senon tamén un posible delito ecolóxico”.

“Causa perplexidade e é escandalosa políticamente. Parece que a Consellería de Medio Ambiente derive ao Concello de Ferrol toda a responsabilidades cando a recepción da obra foi feita a través dun convenio entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Xunta, e na lexislación ven perfectamente delimitado que a inspección corresponde a Augas de Galicia”, apuntou Suárez.

O primeiro edil lembrou, como xa explicara o venres pasado, que ata xaneiro do 2015 toda a auga que chegou a EDAR para o seu tratamento e polo que o socio privado de Emafesa cobraba unha taxa a veciñanza, saíu directamente por bypass a mar aberto. Desde xaneiro ata hoxe, simplemente, se sometía a pretratamento para apartar sólidos en momentos moi puntuais e de forma descontinua, en horario de 8 a 15 horas.

“Se a Xunta cree que a responsabilidade é do Concello estaría atacando a antiga corporación porque esta situación veuse dando durante un ano e non se depurou nin un só metro cúbico de auga”, reiterou o alcalde.

Devolución da taxe, anulación do vindeiro cobro e os ceses que correspondan

O Goberno local exixiralle ao socio privado de Emafesa que, en primeiro lugar, reintegre aos veciños a taxa de saneamento (que xa foi cobrada) e que se anule o vindeiro cobro -previsto para xullo e que fora adiado por petición do Goberno local. Ademais, reclamarán os ceses e as destitucións que procedan en Urbaser por unha xestión nefasta e a reformulación das relacións con Emafesa, que non informou ao Concello da situación na que non se estaba a depurar a auga.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar