Novas

martes, 08 de setembro de 2015

O Goberno local encarga unha auditoría externa a Emafesa para elevar a denuncia ante a Fiscalía

O socio privado ocultou unha visita de Augas de Galicia a EDAR o 1 de setembro, na véspera do anterior Consello de Administración. Socamex-Urbaser oponse a cesar ao xerente pese as gravidade das irregularidades das que adoece a xestión do servizo municipal da auga. Pola súa banda, o Goberno levará a pleno a derogación da taxa de saneamento o vindeiro 17 de setembro.


O Goberno local encarga unha auditoría externa a Emafesa para elevar a denuncia ante a Fiscalía

O Goberno Local ven de anunciar que auditará a Emafesa, a empresa mixta de Augas de Ferrol, para determinar as posibles responsabilidades penais do socio privado (Socamex-Urbaser) nas graves irregularidades destapadas pola actual equipa na xestión da EDAR de Cabo Prioriño a fin de recadar toda a documentación precisa para elevar a denuncia ante a Fiscalía.

Así o comunicou o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, ao remate do Consello de Administración que tivo lugar a mediodía deste martes nas oficinas que a empresa ten na Praza de Ilustración. Na representación do Executivo local asistiron o rexedor e os concelleiros Beatriz Sestayo, Eugenia Freire e Bruno Díaz.

Será a través dunha auditoría independente, técnica e económica, que se realizará de xeito inminente e que poña de releve as deficiencias atopadas na planta de Prioriño e os incumprimentos da encomenda feita desde o Concello para a explotación, mantemento e conservación das obras para tratar e depurar as augas residuais da ría.

O goberno está decidido a examinar ao detalle e moi polo miúdo as contas de Emafesa, tanto no balanzo económico como na xestión técnica e urbanística que ven facendo da EDAR de Cabo Prioriño desde que a anterior corporación aprobou, ás carreiras, en pleno a encomenda de xestión a Emafesa o 29 de maio do 2014.

Unha vez que o Executivo de Ferrol teña coñecemento do resultado da mesma porá toda a documentación pertinente a disposición da Fiscalía para que determine se dos feitos se desprende algún ilícito penal como puidera ser un delito ambiental, económico ou de dereito público, con total transparencia para que sea a Xustiza a que se pronuncie.


O socio privado ocultou a inspección técnica da Xunta á EDAR

A primeira tenente de alcaldía, Beatriz Sestayo, foi contundente ao denunciar hoxe que a xerencia de Emafesa lle ocultara ao Goberno local a inspección técnica que Augas de Galicia realizou a EDAR de Prioriño o día 1 de setembro, na véspera do Consello de Administración celebrado o día 2 e do que non se informou ao Concello de Ferrol, que é o socio público, nin antes nin durante esa xuntanza.

“Sorprendentemente, hoxe nos enteramos que o día anterior ao anterior Consello, a Xunta de Galicia fixo a primeira visita de inspección a EDAR que nunca fixera Augas de Galicia e que fixo xusto ese día; foi algo que tampouco tiveron a ben dicirnos”, manifestou Sestayo en declaracións aos medios ao remate da reunión.

“A ocultación de información é constante por parte de Emafesa e da Xunta”, engadiu a tenente de alcaldía. “Tampouco hai ningunha información por parte da Confederación Hidrográfica nin do Ministerio sobre os informes que aparecen publicados”.

Derogar a taxa de saneamento á veciñanza

“Seguimos adiante coa nosa intención de derogar a ordenanza pola taxa da depuración xa que o feito impoñible non se deu”, manifestou o alcalde, Jorge Suárez. A derogación deste tributo cobrado de xeito indebido será un dos puntos a debate no pleno extraordinario xa convocado para o vindeiro 17 de setembro.

O rexedor tamén reiterou a esixencia do Goberno de Ferrol para que cese ao actual xerente de Emafesa, unha destitución “mais que necesaria”, apuntou, que foi debatida no Consello de Administración. Urbaser, a parte privada, opúxose a este cese requirido cun bloqueo na votación que, de acordo aos estatutos da sociedade, establece que é necesaria unha maioría mais dous votos aínda cando as dúas partes –Concello e Urbaser– teñen 4 cada uno.

Á vista das diferencias insalvables co socio privado, o Executivo de Ferrol propón un modelo de xestión colexiado integrado por dúas persoas cualificadas -técnicos nomeados polas dúas partes- e fixando métodos de control mutuo.

“Coidamos que o convenio con Emafesa arrastra un defecto de forma desde a súa constitución, no ano 99. Non ten moito sentido que ocorra isto nunha empresa pública ao 51%. Este Goberno non está disposto a tragar con este tipo de prácticas onde parece que o público queda nun segundo plano e se deixa todo en mans desta empresa”, rematou Suárez.

A reunión deste mediodía tivo que ser interrompida nun receso pola exixencia do Goberno local para que se rectificaran, ata en catro ocasións, as actas da sesión anterior nas que se obviaban datos como que cómpre una inversión de mais de medio millón de euros mais IVE para acometer a reparación da EDAR.

O Goberno, como se informou o luns ao remate da Xunta de Goberno Local, ten a determinación de rachar coa encomenda feita a empresa mixta no mandato anterior, onde o socio privado ten a competencia técnica, e remitirá a súa proposta a Urbaser.

O segundo paso, pasa por impugnar o convenio con Augas de Galicia, adscrito a Consellería de Medio Ambiente, ao constatar que o Goberno galego recepcionou unha obra -declarada de interese xeral do Estado o 8 de xullo de 1997- cando acumulaba unha serie de eivas técnicas que requirían de grandes reparacións e facían inviable a depuración pola que si se lles gravaba un tributo aos veciños do municipio en concepto de taxa de saneamento por un tratamento das augas residuais que non se acometía.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar