Novas

luns, 28 de setembro de 2015

O Goberno local contratará a auditoría externa a Emafesa para dar conta á Fiscalía do fraude da Edar coa maior brevidade

O rexedor, Jorge Suárez, e o edil de Servizos, Bruno Díaz, se reúnen este venres 2 co director de Augas de Galicia en Santiago.


O Goberno local contratará a auditoría externa a Emafesa para dar conta á Fiscalía do fraude da Edar coa maior brevidade

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e a tenente de alcaldía, Beatriz Sestayo, anunciaron hoxe tras da Xunta de Goberno local que xa está en proceso a contratación da auditoría externa a Emafesa, onde o socio privado é Socamex-Urbaser.  


Será a través dunha firma líder no sector e radicada en Madrid en colaboración coa Universidade de A Coruña, a fin de obter todos os informes técnicos, económicos e xurídicos precisos para dar conta coa maior brevidade ante a Fiscalía do fraude da Edar de Cabo Prioriño. 


Esta auditoría independente e exhaustiva é un paso mais, tal e como tiña avanzado o Goberno local, na determinación de depurar todas as responsabilidades pola estafa dunha depuradora que non era tal e pola que se lle cobrou a veciñanza unha taxa -xa suspendida por acordo plenario- pola prestación dun servizo que non existía. 


“Unha estación que aínda non ten depurado nin un só metro cúbico das augas negras de Ferrol, contrario ao que se dicía publicamente”, apuntou o rexedor, para lembrar que o que sae do emisario submarino é auga residual sen tratar que segue a contaminar un espazo tan prezado como é o litoral do municipio, protexido como LIC e Rede Natura pola súa valía ambiental. 


“A nosa principal interese é por en marcha esa depuradora e que en novembro, cando entre todo o caudal, este resolto este problema e se depuren realmente as augas e os veciños desta cidade deixen de ser enganados”, remarcou Suárez, que este venres, día 2, acode xunto con concelleiro de Servizos, Bruno Díaz, a unha reunión en Compostela do director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira. 


“Falta vontade política e un mínimo investimento”, remarcou o rexedor, sobre a posta en marcha da Estación Depuradora de Augas Residuais de Cabo Prioriño, sobre os obxectivos desta reunión. 



REUNIÓN COA DEPUTACIÓN DA CORUÑA ESTE XOVES, 1 DE OUTUBRO


Doutra banda, o rexedor ferrolán avanzou hoxe que esta mesma semana terá lugar unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Será este xoves, 1 de outubro. A reunión quedara pendente de data trala visita institucional que Formoso realizaba ao Concello de Ferrol o día 3 de setembro. 


Entre os asuntos a tratar está a renegociación do Consorcio Provincial de Bombeiros, que expira en novembro, e estudar as vías de apoio do ente provincial a relanzar de FIMO, o recinto feiral da cidade e propiedade do municipio, como centro de emprego, formación e ocio, entre outros obxectivos “que agardemos que sexan todos”, apuntou Suárez. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar