Novas

martes, 12 de xullo de 2016

O CONCELLO ACORDA CO SOCIO PRIVADO DE EMAFESA QUE NON SE IMPOÑERÁ NINGUNHA TAXA ATA QUE O SANEAMENTO SEXA EFECTIVO E REAL

Os representantes do Goberno local participaron no Consello de Administración de Emafesa no que se acordou que no momento en que haxa unha depuración real de todas as augas da cidade se elaborará unha taxa completamente nova, axustada exclusivamente aos custos reais


Ferrol, 12 XULLO.- Os representantes do goberno local no Consello de Administración de Emafesa, reunido na mañá deste martes, acordaron co socio privado da Empresa mixta de augas, que é Socamex-Urbaser, que non se impoñerá ningunha taxa aos veciños e veciñas ata que haxa un saneamento efectivo e real.


No Consello de Administración participaron como representantes do Concello o alcalde, Jorge Suárez, a tenente de Alcalde, Beatriz Sestayo, e os concelleiros Luis Victoria -que entra en substitución de Eugenia Freire- e Bruno Díaz. Tamén estivo presente o actual edil de Servizos, Germán Costoya, que se incorporará como conselleiro na próxima Xunta de Accionistas, que terá lugar o 8 de setembro.


Ao termo do Consello, Jorge Suárez explicou que, por parte do goberno local, insistiuse na “posición do Concello de que ningún veciño nin veciña de Ferrol vai pagar un só céntimo polo que non é a depuración, por unha depuradora que puxo en marcha o Partido Popular de maneira falsa e teatralizada pero que en ningún momento depurou a auga verquida ao sistema de saneamento do Concello”.


O rexedor ferrolán resaltou que, en todo caso, “a poucas semanas de que que estea a punto de comezar a depuración real das augas da cidade”, cos interceptores xa rematados, o Concello está en condicións de elaborar unha nova taxa. Non obstante, neste caso sí se axustará “única e exclusivamente aos custos que supón o saneamento das augas residuais dos veciños e veciñas de Ferrol”.


E remarcou que “dende logo non ten nada que ver coa taxa anterior” que foi feita “de costas á cidadanía, e que nós non imos volver instaurar”.


Jorge Suárez insistiu en que aínda queda por diante “unha batalla longa” que se afrontará con “valentía” e “chegando ata o final” como “defensores do público e da cidadanía”, non permitindo que os gastos derivados da transmisión dunha depuradora entre administracións, que ademais estivo cinco anos “abandonada”, sexan pagados cunha “taxa inxusta” polos veciños. “Ao final quen pagou a falla de rigor, de seriedade, de vendas publicitarias antes das eleccións foron uns veciños cunha taxa inxusta que non van volver pagar”.


Nesta liña, o alcalde de Ferrol incidiu en que os custos de reparación por defecto de construción da depuradora van ser reclamados a quen corresponda e non repercutidos nos veciños.


Pola súa banda, a tenente de Alcalde, Beatriz Sestayo, reafirmou “o cambio tras un ano de goberno, fronte a un goberno do Partido Popular submiso ante os intereses dunha empresa privada, agora hai un goberno que está ao servizo da cidadanía”, e lembrou que a este Consello, os representantes do Concello acudiron co “amparo dunha resolución xudicial” que ampara a “rebeldía deste novo goberno fronte ao atropelo e a fraude que facía o Partido Popular”.


“Un ano despois estamos nunha situación moito mellor que sitúa as responsabilidades a quen deben, polo tanto, un ano despois e fronte a un PP submiso aos intereses empresariais de sempre temos un goberno ao servizo da cidadanía que é o que nos corresponde”, concluíu.


No Consello de Administración tamén se abordaron outros asuntos, como a situación das contas de Emafesa, que aínda que reflicten un problema de liquidez e tesourería, será “subsanado rapidamente se existe unha depuración real e as reclamacións do Concello prosperan”, aseverou Suárez, quen remarcou que o Concello non permitirá que se poña en risco o salario dos traballadores e traballadoras da Empresa Mixta.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar