Novas

xoves, 05 de abril de 2018

O GOBERNO DE FERROL PRESENTA OS CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS AOS CENTROS EDUCATIVOS DE CARA AO CURSO 18/19

O proxecto, coordinado desde Urbanismo e Mobilidade, implica as áreas de Educación, Seguridade e Tráfico e foi presentado na tarde do mércores aos centros docentes de Primaria, nos que se inicia Trátase de que cada colexio priorice as súas demandas en materia de accesibilidade para acometer obras que implementen a seguridade dos alumnos-peóns A aplicación Geomove, deseñada pola UDC, permitirá dixitalizar os trazados e procurar camiños cómodos para fomentar a autonomía activa e a conciencia cívica do alumnado


O GOBERNO DE FERROL PRESENTA OS CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS AOS CENTROS EDUCATIVOS DE CARA AO CURSO 18/19

Ferrol, 5 de abril.- O Goberno de Ferrol ven de presentar o proxecto dos Camiños Escolares a todos os centros educativos do municipio coa vontade de que marquen as súas prioridades para acometer obras de mellora na accesibilidade e seguridade aos centros docentes. Foi nunha xuntanza que tiña lugar na tarde do mércores as 18:00 horas na Sala de Comisións do Concello a que asistiron os concelleiros de Urbanismo e Seguridade, técnicos municipais de Educación e Urbanismo, responsables de Seguridade Viaria da Policía Local e membros da comunidade docente dos centros de Primaria do municipio, tanto públicos como concertados.


Camiños Escolares Seguros é un proxecto ambicioso e transversal organizado e coordinado desde a Concellería de Urbanismo e Mobilidade que implica as áreas de Educación, Seguridade e Tráfico, pero tamén a Obras, Medio Ambiente e Participación, na procura da mellora das condicións de accesibilidade e seguridade aos centros escolares.


Os primeiros pasos que se deron dentro deste proxecto foron a posta en marcha dun certame de debuxo escolar, no que ao cabo, coñecimos a 'Segurín', o traballo dunha alumna de 2 de Primaria co colexio Ludy que será a nosa mascota neste proxecto, e tamén diversas accións en Educación Viaria na que se implicaron os axentes da Policía Local con charlas nos colexios, accións na rúa na semana da Mobilidade 2017 e mesmo visitas de centros escolares ao cuartel da Policía Local de San Xoán. A derradeira, esta mesma mañá dun grupo de alumnos de 1º e 2º de Primaria do colexio Belén.


O seguinte fase deste proxecto, que abordamos de agora en adiante, pasa por mellorar a accesibilidade aos centros docente implementando as medidas de protección e seguridade ao peón. O obxecto desta xuntanza, que se prolongou por espazo de súas horas foi, precisamente, tal e como expuxo Lemos, recoller de primeira man cales son as demandas específicas de cada un dos centros para poder ordenar, priorizar e acometer de cara ao inicio do vindeiro curso 2018/2019.


A concelleira deu conta na comisión ordinaria de Urbanismo da contratación do proxecto básico de redacción e execución para as obras de mellora na accesibilidade nos centros educativos i equipamentos deportivos e docentes do Concello de Ferrol, que da continuidade as obras de mellora nos cruces de peóns en todo o municipio, e que procura facer accesibles tamén os equipamentos deportivos.


É de interese xeral crear áreas protexidas nas entradas dos centros educativos para facilitar os movementos de alumnado e familiares na chegada e recollida”, manifestou Lemos. “Para isto, -engadía a edil- cómpre redactar un proxecto específico que identifique os problemas e dea solucións de accesibilidade interior e exterior aos centros educativos de Primaria e Secundaria, tanto públicos como concertados, e tamén os espazos deportivos”.


O proxecto, tal e como informaba a edil de Urbanismo, xa foi adxudicado e contratado e cómpre, agora, que os centros acheguen as súas demandas para que os técnicos redactores do proxecto poidan estudar o xeito de acometer as obras necesarias.


GEOMOVE, UNHA APLIACIÓN DA UDC PERMITIRÁ DIXITALIZAR OS TRAZADOS E BUSCAR CAMIÑOS CÓMODOS E SEGUROS PARA OS ESCOLARES


Outra das accións previstas no proxecto Camiños Escolares Seguros pasa pola posta en marcha da aplicación GeoMove. Trátase dunha aplicación informática desenvolta na Universidade da Coruña (UDC) que permite dixitalizar os trazados dos camiños a partir dunha actividade informática i enquisa xeolocalizada que cubrirían os propios escolares en cada un dos centro atendendo a súa realidade.


Esta aplicación”, explicaba hoxe María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo e Mobilidade, “permite controlar e supervisar a seguridade dos camiños e mellorar o nivel de protección dos escolares no seu percorrido”. Para a súa implementación, o Concello propón asinar un convenio con cada un dos centro que se sumen ao proxecto, que terán que designar a unha persoa como coordinador/responsable do mesmo.


Camiños Escolares Seguros é unha iniciativa dirixida a que as nenas e nenos poidan moverse con seguridade e autonomía polas rúas e recuperen o uso e desfrute do espazo público. Vincula a todas as áreas da xestión local que teñen competencias e procura que os e as alumnas poidan ir a diario, ou moitos días a escola de xeito autónomo e activo.


Unha mirada mais ampla sobre esta estratexia educativa, permitenos dicir que fomenta a responsabilidade, o civismo, a solidariedade e o respecto, facéndoos compatibles cunha vida activa nunha cidade viva en itinerarios cómodos, agradables e seguros que poidan facer en bici, en patinete ou a pé.


O Camiño escolar debe permitir desenvolver a conciencia crítica das nenas e nenos en idade escolar, fomentar o espírito propositivo na mellora do seu entorno promovendo o seu coñecemento da cidade e dos espazos públicos que é algo, coidamos, fundamental para que o respecten e o defendan no futuro”, remata Lemos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar