Novas

luns, 18 de xuño de 2018

O CONCELLO APROBA A CESIÓN DO EDIFICIO COMPLETO AO ATENEO E DUN ESPAZO EN PORTANOVA PARA O MUSEO DO FERROCARRIL

O pleno extraordinario tamén aprobou a presentación dun recurso de apelación ante o TSXG contra a sentenza contraria a suspensión da taxa de saneamento do 2014


O CONCELLO APROBA A CESIÓN DO EDIFICIO COMPLETO AO ATENEO E DUN ESPAZO EN PORTANOVA PARA O MUSEO DO FERROCARRIL

Ferrol, 18 xuño.-  O pleno extraordinario do Concello de Ferrol celebrado na mañá deste luns 18 de xuño, aprobou oficializar a cesión de uso do edificio completo sito no número 202 da rúa Magdalena ao Ateneo ferrolán, para regularizar e estabilizar a situación dunha entidade emblemática, singular e senlleira da nosa cidade e referente para toda unha comarca que leva anos batallando por ser un referente cultural alternativo e independente.

 

A proposta de cesión, que defendía no pleno o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, foi aprobada cos votos favorables do Goberno de Ferrol, xunto ao grupo municipal do PSOE. En total, 10 votos a favor e 14 abstencións (as de PP, BNG, e a edila non adscrita). “O Ateneo deu mostras da súa xenerosidade con todas as entidades, son un referente a nivel galego con moita historia e foron castigados”, sembraba hoxe o concelleiro.

 

Do mesmo xeito, tamén foi aprobada a cesión do local municipal 108, sito no centro comercial Portanova, a Asociación Ferrolterra Amigos do Ferrocarril, que levaban tempo reivindicando un espazo digno no que ubicar os fondos tan agarimosamente recompilados e conservados polos seus integrantes, froito dun traballo voluntario, e que se contan entre os mais importantes do Estado. O citado local nunca tivo actividade comercial e está ubicado na parte baixa do centro.

 

Con esta cesión, a entidade disporá dun espazo amplo e axeitado no que exhibilos e incrementar, asemade, a oferta cultural e museística da nosa cidade. A cesión a esta entidade sumou 10 votos a favor, os do Goberno mais o grupo socialista, dous en contra (BNG) e 11 abstencións (PP), en ausencia de Ciudadanos e da concelleira non adscrita.

 

O GOBERNO RECURRIRÁ A SENTENZA CONTRARIA A SUSPENSIÓN DA TAXA DE SANEAMENTO ACORDADA POLO PLENO EN SETEMBRO DO 2015

 

Doutra banda, o pleno da corporación, con 13 votos positivos (Goberno, PSOE e BNG, e a edila non adscrita) e a abstención do PP (11) acordou hoxe a presentación do recurso de apelación ante o TSXG en contra da sentenza do Xulgado Contencioso-administrativo de Ferrol que estimaba parcialmente o recurso de Socamex en contra do acordo plenario do 18 de setembro do 2015.

 

O acordo plenario deixara en suspenso o cobro da taxa polo saneamento da ría que se lles estaba a cobrar aos veciños desde 2014 malia que non se estaba a producir o feito impoñible e obxecto da mesma que era, precisamente, a depuración das augas negras. Un feito que se acreditou firmemente acreditado polos distintos informes dos técnicos municipais e auditorías externas, entre outras cuestións, polas moitas eivas que presentaba esta infraestrutura que foi recepcionada incompleta por Augas de Galicia.

O goberno local entende que esta sentenza é desfavorable aos intereses da veciñanza e así o corroborou hoxe o pleno da corporación, que en pleno extraordinario aprobou a presentación do recurso de apelaciónante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo legalmente previsto, de 15 días desde a notificación da mesma.


O Concello de Ferrol ten como prioridade inapelable a defensa do ben común e dos intereses da veciñanza i entende que non pode recaer nos veciños e veciñas desta cidade o cargo económico dun tributo –aprobado o 28 de agosto de 2014- por un servizo que era ficticio, nin real nin patente nin efectivo, prestado a través unha depuradora inacabada que se inaugurou prematuramente na procura de réditos políticos cun sistema aínda incompleto no que se acometeron obras que se pagaron indebidamente con cartos municipais, tal e como acreditan as auditoras, e que facía circular as augas negras por un bypass cara a mar aberto sen un tratamento de depuración que si se lles repercutía aos veciños nas facturas.


A depuración da ría de Ferrol é real i efectiva desde o 3 de abril do 2017. O Goberno local levou, ate en tres ocasións a pleno, o cobro dunha taxa mais xusta e axustada ao custo real do servizo que foi rexeitada de plano pola oposición.


Por último, o pleno da corporación tamén aprobou hoxe a proposta de requirimento ao Concello de Narón en materia de saneamento para que se atenta o pagamento da liquidación polos gatos efectivos do servizo de depuración corresponden ao caudal procedente do termo municipal de Narón desde o 3 de abril de 2017 e que ascenden a 845.715 euros. Foi aprobado con 18 votos a favor (Goberno e PP); tres negativos (BNG+non adscrita) e 3 abstencións (PSOE).


O pleno suspendeuse pasadas as 12:30 horas, logo de debater a primeira das cinco mocións da orde do día. O maioría do pleno pronunciouse a favor da moción do BNG para reclamar a reapertura da delegación local da CRTVG na cidade, o mantemento dos informativos locais e do Diario Cultural da Radio Galega, a radio televisión pública de Galicia. Todos a favor, agás o PP, o grupo maioritario na oposición con 11 concelleiros, que votou en contra.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar