Novas

xoves, 05 de xullo de 2018

FERROL E MUGARDOS, DOUS ESCENARIOS PARA UN FESTIVAL DE JAZZ MARIÑEIRO A DÚAS BEIRAS

Presentamos no peirao de Curuxeiras a II edición do Jazz de Ría que se vai desenvolver do 17 ao 19 de agosto con grandes novidades Destacar a impresionante calidade artística dos músicos en escenarios coidados como a Praza Vella, San Felipe o Baluarte, o Cantón de Cora e a mesmísima lancha de Mugardos, que une as dúas beiras da ría de Ferrol


FERROL E MUGARDOS, DOUS ESCENARIOS PARA UN FESTIVAL DE JAZZ  MARIÑEIRO A DÚAS BEIRAS

Ferrol, 5 de xullo.-O concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, e a concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, presentaron a II edición do Festival Jazz de Ría, que se desenvolverá do 17 ao 19 de agosto.

 

A presentación desta II edición, de xeito simbólico, a bordo da lancha no peirao de Curuxeiras, a que cubre o traxecto entre as dúas beiras da ría e simbolíza o espirito de unión e cooperación deste festival.

 

"É un evento único que merece ser conservado e que estamos seguros de que en pouco tempo quedará consolidado dentro do panorama de festivais galegos", manifestaba hoxe Suso Basterrechea, satisfeito por darlle continuidade a unha proposta que nacía no ano 2017 e que tivo unha excelente acollida do público, apostando por novos espazos e bandas de unha altísima calidade que este ano, suben un novo peldaño, tanto na programación artísica como na suma dos espazos, aos que se engade o Castelo de San Felipe e o Baluarte de Ferrol, ademais da Praza Vella e do Cantón de Cora mugardés.                                   

Pola súa parte, Lola González, concelleira de Mugardos, subliñaba hoxe na presentación "a recuperación do transporte marítimo que une as dúas localidades" e a participación no programa do músico mugardés Simón García, que xunto ao baterista ferrolano Miguel Lamas, considerado un dos mellares baterías do Estado, e que  son as dúas achegas da comarca ao cartel do festival.

Aitana Cuétara, directora do festival, destacou a calidade artística da programación "que mesmo supera á gran proposta musical que xa tivemos o ano pasado" e fixo un destacado do obradoiro para crianzas que se desenvolverá nos días previos e que servirá para formar novos públicos en Ferrol que axuden a garantir a continuidade do festival.

O Jazz de Ría naceu o verán pasado sen demasiadas pretensións e axiña se revelou como unha gran proposta capaz de engaiolar a calquera, non só pola súa programación artística, senón por todo o que o rodea e o converte nunha experiencia única para o público e un activo fundamental para revivir unha comarca tan maltratada coma a de Ferrol. Recuperar a lancha como medio de transporte e gozar dese paseo mariñeiro pola Ría de Ferrol a ritmo de jazz.

 

Todas as actividades son abertas e gratuítas.
 
Os espazos:


As localizacións escollidas para o desenvolvemento do festival son tan importantes como a propia programación. 

 

A LANCHA que se empregou durante moitos anos como medio de transporte habitual entre Ferrol e Mugardos e que agora está só dispoñible durante o verán, máis como oferta turística que como servizo á veciñanza. Jazz de Ría quere reivindicar o uso tradicional da lancha, polo que será o medio de transporte oficial durante o festival, co reforzo do servizo e dos horarios, converténdose ademáis no escenario para unha das bandas.

 

En terra, a gran incorporación deste ano é o CASTELO DE SAN FELIPE. Esta impresionante fortaleza militar do S.XVI perfectamente conservada e ubicada na entrada da ría, cun enorme valor histórico e patrimonial, será o escenario dun dos momentos musicais máis agardados do festival.

 

BALUARTE de Ferrol tamén acollerá a unha das bandas que terá que competir coas vistas privilexiadas do Peirao de Curuxeiras, punto de vixía militar no S. XVIII.

 

CANTÓN DE CORA, no final do paseo marítimo de Mugardos, cunha pérgola cuberta de buganvillas a escasos metros do mar é probablemente un dos escenarios con máis encanto;

 

PRAZA VELLA, punto central do barrio histórico de Ferrol, tiña que acoller necesariamente parte da programación;

 

e os PORTOS, con todo o sabor da tradición mariñeira de Mugardos e a tradición naval e militar de Ferrol, tamén terán os seus momentos musicais, ademais de ofrecer unha excusa perfecta para pasear e descubrir a historia das dúas vilas.  
 

 

Obradoiro Jazz para crianzas


Ademais da programación de concertos, o festival ten vontade de contribuír á formación jazzística das novas xeracións. Desde Asturias, a gran Mapi Quintana acompañada de Maite Heres, impartirán durante a semana previa ao festival (13-16 de agosto), un obradoiro de JAZZ E IMPROVISACIÓN PARA GRANDES VOCES PEQUENAS, dirixido a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, no espazo do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. O obxectivo do taller é introducir ás crianzas neste xénero para favorecer a súa integración como público presente e futuro do Jazz de Ría; adestralxs no ámbito da improvisación, parte fundamental do jazz; romper a tendencia dos roles de xénero na música (mulleres cantantes, homes instrumentistas); e contar coa voz como instrumento musical común a todas as realidades sociais. Ao remate desta residencia artística farase un concerto-mostra do aprendido que estará enmarcado na programación do festival Jazz de Ría. Será o xoves 16 de agosto, á tardiña, no BALUARTE, un lugar prixilexiado de Ferrol con vistas a toda a Ría. Nesta actuación, as nenas e os nenos participantes da residencia mostrarán o aprendido, formando parte da programación do festival, co mesmo protagonismo que as outras bandas de jazz.

 

 


Programa
VENRES 17
Pola tarde actuarán na lancha os galegos LOW BAY HOT BAND, un trío de tuba, clarinete e banjo que levará o seu dixie polos portos de Ferrol e Mugardos. E pola noite, no Cantón de Cora de Mugardos,  o ferrolano MIGUEL LAMAS, considerado un dos mellores baterías do Estado, toca na actualidade con músicos de primeiro nivel en todo o mundo; neste caso farao co francés RAYNALD COLOM e o chileno JORGE VERA, un trío de luxo para abrir o festival.

O contrabaixista mugardés Simón García presenta Bassically, o seu novo proxecto orixinalmente concebido para ensamble de contrabaixos. Para esta ocasión, rodéase de grandes músicos do panorama jazz galego: Pablo Añón ao saxo, Iago Mouriño ao piano e Miguel Queixas á batería, que o acompañarán en composicións propias que van desde o swing ou o funk á jazz ballade ou a bossa nova.

SÁBADO 18
Ao mediodía na Praza Vella de Ferrol vai ter lugar un dos momentos máis divertidos do festival. O quinteto acústico de swing e dixie, MADRID HOT JAZZ BAND, vai poñer música ao obradoiro aberto de LINDY HOP que desenvolverá a escola SWING ON VIGO durante unha chispeante sesión vermú. 

Esta nova promesa do jazz estadounidense presenta o seu álbum debut como líder, Left Right Left, unha viaxe inspirada no movemento social American Progressive. O seu carácter innovador e a súa traxectoria como acompañante dalgúns dos mellores músicos do panorama jazz actual, púxoa nun lugar destacado na crítica especializada, conseguindo que teña unha prometedora proxección internacional. Acompáñanna nesta xira europea os músicos madrileños Darío Guibert (contrabaixo) e Jorge Castañeda (piano).

Pola noite, tamén na Praza Vella chegará o jazz máis inesperado. PUERTA SUR, une o virtuosismo do vibrafonista galego Ton Risco, a batería de Dani Domínguez e de Joan Masana, músicos catalanes de proxectos tan relevantes como o de Jorge Pardo.
DOMINGO 19
Ao mediodía no Cantón de Cora de Mugardos, EVA FERNÁNDEZ, gran promesa do jazz catalán máis fresco, novísima cantante e saxofonista da escola de Joan Chamorro.

Pecharemos o festival no escenario privilexiado do Castelo de San Felipe, iluminado e cuidado para a ocasión, coa que é sen dúbida a cita máis especial do festival, a proposta de ABE RÁBADE TRÍO, un dos grandes referentes do jazz galego, que presentan un novo e moi agardado disco.  


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar