Novas

venres, 06 de xullo de 2018

O CONCELLO ACOLLE A MOSTRA DO 20 ANIVERSARIO DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN

A exposición, deseñada por Pepe Carreiro, ficará na cidade ate o 10 de agosto no vestíbulo do Pazo para dar a coñecer o traballo da entidade Ferrol é un dos municipios galegos que integran o Fondo Galego de Cooperación Os paneis resumen proxectos en marcha apoiados en países empobrecidos e accións de sensibilización no país


O CONCELLO ACOLLE A MOSTRA DO 20 ANIVERSARIO DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN

Ferrol, 6 de xullo de 2018.-  O vestíbulo do Concello de Ferrol acolle desde este venres 6 a mostra coa que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora os seus vinte anos de andaina.

Os cubos da exposición ‘20 anos a Fondo coa solidariedade’, ben coloridos e orixinais, xa están instalados na entrada do Concello, para divulgar e dar a coñecer entre a veciñanza o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.

“Dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento”, é o obxectivo desta exposición, segundo expoñen desde o Fondo, que contou neste singular deseño deseño co ilustrador Pepe Carreiro, autor dos sonadosBolechas.

Os paneis fan un repaso pola orixe do Fondo Galego, os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos ou as actividades de sensibilización implementadasen Galicia, entre outros contidos.

O Fondo Galego de Cooperación

 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

 

Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar