Novas

martes, 10 de xullo de 2018

O GOBERNO DE FERROL PUBLICA O BORRADOR DA ORDENANZA DE SUBVENCIÓNS PARA RECABAR AS ACHEGAS DA VECIÑANZA

Veciños, entidades e asociacións debidamente rexistradas poden facer as súas achegas ate o 31 de xullo O documento xa está colgado na páxina web municipal na seguinte ligazón https://www.ferrol.gal/Sede/ConsultasPrevias


Ferrol, 10 de xullo.- O Goberno de Ferrol ven de publicar na web municipal, no apartado de Consulta Pública previa, o borrador da Ordenanza Xeral de Subvencións. Deste xeito, a Adminitración local dótase dun marco común para todas as subvencións concedidas por esta entidade, dando así cumprimento á normativa vixente na materia, tanto no eido autonómico como estatal.


O Concello de Ferrol expón publicamente o borrador da Ordenanza xeral de subvencións coa fin de que os cidadáns, asociacións ou entidades que así o consideren presenten no Rexistro telemático do Portal do Cidadán da Sede Electrónica da web do Concello www.ferrol.gal ou ben presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, as súas achegas no prazo de 15 días hábiles seguintes ó da súa publicación na web do Concello.

O borrador co texto íntegro da dita ordenanza atópase exposto no portal web do Concello de Ferrol precisamente coa fin de fomentar a participación cidadá, de darlle audiencia á cidadanía afectada e recabar cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades.

Así mesmo, tamén se recabará a opinión de organizacións ou asociacións recoñecidas pola lei que agrupen ou representen ás persoas cuxos dereitos ou intereses lexítimos poidan verse afectados pola norma.

https://www.ferrol.gal/Sede/ConsultasPrevias,

As opinións e achegas deberán presentarse no Rexistro telemático do Portal do Cidadán da Sede Electrónica da web do Concellowww.ferrol.gal ou presencialmente no propio Rexistro Xeral do Concello de Ferrol ou en calquera outro dos admitidos no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 15 días hábiles seguintes á data de publicación na web municipal. Esto é, o prazo comeza a contar o mércores 11 e remata o 31 de xullo de 2018, ambos os dous incluídos.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar