Novas

martes, 07 de agosto de 2018

O PRÓXIMO PLENO MUNICIPAL TRATARÁ A DECLARACIÓN DOS MEMBROS DE “LA MANADA” COMO PERSOAS NON GRATAS


O PRÓXIMO PLENO MUNICIPAL TRATARÁ A DECLARACIÓN DOS MEMBROS DE “LA MANADA” COMO PERSOAS NON GRATAS

Ferrol, 7 de agosto.-  A concelleira de Igualdade e Muller, Saínza Ruiz, anunciou esta mañá que o Concello de Ferrol tratará no próximo pleno a declaración institucional para considerar persoas non gratas no noso termo municipal aos cinco membros do grupo coñecido polo nome de “La Manada”: José Ángel Prenda Martínez, Ángel Boza Florido, Antonio Manuel Guerrero Escudero, Alfonso Jesús Cabezuelo e Jesús Escudero Domínguez, condenados a nove anos de prisión por abusos sexuais e roubo con intimidación.

 

Ruiz destacou a importancia de desenvolver a perspectiva de xénero no sistema xudicial para evitar situacións como as vividas a raíz deste caso, e de moitos outros similares, e quixo ver unha “parte positiva” no xuízo de “La Manada” ao entender “que a sociedade avanzou xa máis que a lexislación”, se ben considerou esencial poñer en marcha cambios no sistema xudicial que garantan mellor os dereitos das vítimas e desenvolvan unha especial sensibilidade cara a súa situación, dotándose dos medios necesarios para poder facelo.

 

Noutro orde de cousas, a concelleira de Benestar Social informou da inminente apertura do comedor para persoas maiores de Canido, que está listo para prestar o seu servizo só á espera de chegar ao mínimo de persoas inscritas, que é de 10 (actualmente hai nove apuntadas). Non obstante, afirmou que se intentará abrir xa con esta cifra. Ruiz animou á veciñanza maior de 60 anos a inscribirse neste comedor e lembrou que non se trata dun comedor social, senón que o obxectivo é “que as persoas maiores teñan un espazo de socialización no barrio”, ademais de evitar posibles accidentes domésticos na cociña. Como lembrou, o prezo regulado polo novo servizo é moi económico para todos os tramos de renda, tendo un carácter puramente simbólico para as máis modestas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar