Novas

venres, 10 de agosto de 2018

PERMANECE ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS QUE PROMOCIONEN A IGUALDADE E A DIVERSIDADE

O importe máximo das axudas ascende a 10.000 euros e o prazo para a presentación de proxectos remata o 16 de agosto


PERMANECE ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS QUE PROMOCIONEN A IGUALDADE E A DIVERSIDADE

Ferrol, 10 de agosto.-  A concelleira de Igualdade e Muller, Saínza Ruiz, lembrou que permanece aberta a convocatoria de subvencións para asociacións de mulleres e entidades sen ánimo de lucro que inclúan como obxecto social a loita pola defensa dos dereitos da muller e a igualdade de oportunidades, a defensa e promoción da diversidade para facer efectiva a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos da vida social, económica, política e cultural.

 

Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos da concellería de Igualdade e Muller e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos. O importe máximo da subvención é de 10.000 euros e o prazo para presentar os proxectos é de 20 días naturais contados a partir da publicación das bases no BOP, é dicir, o 16 e agosto. Toda a documentación pode consultarse en www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnunciosAmpliar/325.

 

Establécense catro liñas de participación. A primeira é a promoción de hábitos de vida saudables e inclúe programas como a promoción do exercicio físico, de hábitos alimenticios saudables, prevención de enfermidades crónicas ou a prevención e accións relacionadas coa saúde das mulleres ou o seu benestar.

 

A segunda liña é a promoción de accións de prevención da violencia de xénero e inclúe programas como formación, sensibilización e información na materia e tratamento deste tipo de violencia; a promoción de actividades culturais ou artísticas que promovan a sensibilización ao respecto; obradoiros para nais e pais sobre prevención, entre outros.

 

A terceira liña ten que ver co fomento da igualdade de xénero, a coeducación e a corresponsabilidade e inclúe programas como accións de apoio ao aleitamento materno; obradoiros para pais e nais nesta materia;  coñecemento e visibilización do papel das mulleres ferrolás na historia; conferencias, xornadas ou talleres sobre educación en igualdade, entre outros.

 

Por último, a cuarta liña refírese á formación e integración laboral dirixida a mulleres en situación de vulnerabilidade. Inclúe programas como actuacións para capacitar o desenvolvemento profesional para mellorar as posibilidades de inserción laboral; capacitación, cualificación e fomento da aprendizaxe e desenvolvemento das capacidades cognitivas, condutuales e actitudinais; actuacións para fomentar a inserción laboral e mellorar as condicións laborais das mulleres.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar