Novas

martes, 11 de setembro de 2018

O GOBERNO APROBA A REFORMA DO MERCADO DE CARANZA

A fonda remodelación deste mercado municipal suporá un revulsivo para a dinamización do barrio e unha aposta polo comercio de proximidade


O GOBERNO APROBA A REFORMA DO MERCADO DE CARANZA

Ferrol, 10 de setembro.- A Xunta de Goberno Local celebrada na mañá deste luns 10, e fóra da orde do día, aprobou o inicio do expediente para a contratación das obras de reforma do Mercado Municipal de Caranza. 

O importe de licitación deste proxecto, que era unha vella aspiración dos veciños do barrio e comprometido polo Goberno, e ascende a 950.334 euros, a executar con cargo a dúas anualidades: 316.461,22 (2018) e 633.872,78 (2019). 

Un investimento de cidade moi importante que permitirá mudar por completo a faciana deste mercado municipal que adolecía de importantes eivas e que será, sen dúbida, un revulsivo para a vida no barrio cun novo e moderno mercado municipal, axeitado aos tempos e necesidades actuais e que implica unha aposta polo pequeno comercio, local -con productos frescos e propios-, pola proximidade e a atención personalizada, fronte as grandes superficies comerciais. 

No que atinxe a intervención, desde o punto de vista técnico, salientar que se trata dunha reforma moi fonda xa que hai unha reposición total da cuberta, incorporando aillamento térmico nos falsos teitos e un frontal totalmente renovado con chapa metálica, novas carpinterías exteriores e novas instalacións eléctricas, de saneamento, abastecemento, ventilación e contraincendios. 

Na reforma, tamén se procederá a reparación da estructura de formigón e reestructuración no interior, con nova distribución dos postos -para os que xa se fixo o sorteo- e reforma da planta semisótano para mellorar o acceso de peóns e mercadorías desde o aparcadoiro. 

Asemade, implica unha mellora moi notable na accesibilidade do mercado coa incorporación dun elevador público, do que carecía, ademais dun montacargas para os operadores.

Por último, manifestar que este proxecto, que para nós sempre foi prioritario como empeño de cidade, dilatouse no plano administrativo moito mais do que quixeramos polo que vai, particularmente, para placeiros e veciños do barrio, o noso agradecemento pola paciencia amosada ata o día de hoxe, no que facemos del unha realidade inminente.   

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar