Novas

venres, 14 de setembro de 2018

FERROL É UN TEATRO: CHEGA ‘FÓRA DO MAPA’, III EDICIÓN DO FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICA DA CIDADE

O barrio da Magdalena será un gran escenario do 24 ao 30 de setembro coa III edición dun festival rupturista e innovador que promove, como escenarios, espazos senlleiros A programación polo miúdo foi presentada este mediodía polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, e a coordinadora do ciclo, Cristina Moreira Podedes atopar todo o detalle da programación, obradoiros, lugares, artistas e horarios nesta web https://festivalforadomapa.com/


FERROL É UN TEATRO: CHEGA ‘FÓRA DO MAPA’, III EDICIÓN DO FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICA DA CIDADE

Ferrol, 14 setembro.-  'Fóra do Mapa', un nome tan ilustrativo como simbólico que  ao contrario do que enuncia, agranda a Ferrol no mapa e o coloca como epicentro do III Festival de Artes Escénicas da nosa cidade, que este ano chega co outono do 24 ao 30 de setembro para facer do barrio de A Magdalena un gran teatro, con compañías de prestixio da escena galega e estatal e propostas moi innovadoras tanto nos espazos como nos tempos e ritmos.

 

Será a III edición deste festival, que arrancaba na primavera do 2016 como unha proposta senlleira da Area de Cultura por sacar o arte as rúas na procura de novos públicos e apostando por espazos pouco probables como escenarios para o teatro que resultaron ser toda unha revelación cunha excelente acollida ate medrar e converterse nun festival referente nas artes escénicas.

 

O detalle da programación desta 3ª edición foi presentado hoxe en rolda de prensa no Pazo Municipal polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea e a coordinadora e directora do ciclo, Cristina Moreira, que destacaron a aposta que se fai por lembrar tanto a veciñanza como as persoas que nos visitan desde fora, os espazos singulares que podemos atopar no barrio da Magdalena, para levar pezas artísticas a inmobles descoñecidos ou inexplorados.

 

“Fóra do mapa é un festival que comezou como unha iniciativa para dar a Ferrol unha dose de entusiasmo aos seus habitantes por medio dunha programación de artes escénicas contemporáneas, resaltando ao mesmo tempo o seu patrimonio artístico e arquitectónico, facendo da cidade o escenario ideal dunha revolución artística a altura da historia e da importancia de Ferrol”, explica a súa directora.

 

Neste saco da innovación teatral de 'Fóra do Mapa' collen os microteatros -ou Teatro Miúdo -pezas breves de 15 a 20 minutos para aforos reducidos- en espazos singulares, obradoiros e o singular roteiro de turismo teatralizado que este ano terá lugar o domingo 30 da man do dramaturno naronés José Prieto con el Walking Ferrol as 12:30.

 

  

Salientar, tamén, os obradoiro a cargo de Marta Carrasco, toda unha referente da escena estatal, que arrancan o luns 24, e os distintos escenarios singulares polos que se aposta como a cafetería Tupinamba, a antiga Panadería francesa, o vello restaurante chino da rúa Dolores, ademais doutros habituais como o CTB, o salón de actos de A Fundación e, por suposto, o propio teatro Jofre.

 

Fóra do Mapa, salientou Basterrechea, é un ciclo moi mimando, cunha excelente acollida e resposta, que pon a Ferrol no mapa das artes escénicas e fixo particular  fincapé no carácter innovador desta proposta escénica que conta cun deseño moi coidado e una web propia foradomapa.org

 

Cómpre saber case que todos espectáculos son de balde –agás un- pero que hai que reservar entrada no correo foradomapaferrol@gmail.com porque o espazo é reducido. Teñen entrada de pago o Ultrashow de Miguel Noguera, o mércores as 21:00 no Jofre, (5 euros). As entradas para os eventos do CTB se poden retirar no propio centro e as do Jofre, na súa billeteira.


+info:  https://festivalforadomapa.com/

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar