Novas

venres, 05 de outubro de 2018

‘A VILA DO MAÑÁ, FERROL'

O alcalde e a concelleira de Urbanismo presentaron hoxe unha coidada publicación que condensa o traballo feito por un cento de nenos no obradoiro co gallo da semana da Mobilidade 2018 Esta edición especial, cunha tirada dun milleiro de exemplares, contén debuxos orixinais da cidade e se empregará como agasallo institucional do Concello


‘A VILA DO MAÑÁ, FERROL'

Ferrol, 5 de outubro.- O Goberno de Ferrol ven de presentar este mediodía un proxecto ben fermoso como é ‘A Vila do Mañá, Ferrol’, unha publicación especial que en 105 páxinas de coidadas imaxes e debuxos orixinais, condensa o traballo feito durante unha semana de setembro por un cento de nenas e nenos do noso Concello que tomaron parte no obradoiro de urbanismo e paisaxe, premiado internacionalmente, e que se desenvolveu do 3 ao 7 de setembro nas rúas da nosa cidade e no CTB.  

 

‘A Vila do Mañá, Ferrol’, foi presentado hoxe en rolda de prensa polo alcalde, Jorge Suárez, e a concelleira de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos, xunto coa alma mater do proxecto, Sandra González Álvarez.

 

Este proxecto educativo ‘A Vila do Mañá’, canalizado a través da Concellería de Urbanismo, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, tal e como recordaba hoxe a concelleira, estivo enmarcado dentro do amplo programa de actos se que desenvolveu no mes de setembro co gallo da Semana da Mobilidade. “É un orgullo para a cidade contar con este proxecto aquí, polo ben que funcionou e as expectativas que abre, e aquí temos o resultado”, dixo Lemos.

 

Para Ferrol, manifestaba o rexedor, como integrante da Rede de Cidades Educadoras, o obxectivo principal desta actividade era a de espertar o interese polo seu entorno entre os cidadáns de futuro, unha nova mirada entre os que aínda son nenos e mozos, para que estean presentes de forma activa e consciente nos procesos de construcción do espazo común (praza, barrio, cidade, ...) dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, dende a arte e a arquitectura.

 

 

A publicación plantea a estructura da cidade como un gran taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe para os nenos e nenas que, a través das ferramentas propias da infancia como son o seu propio movemento e o xogo, teñen que descubrir, vivir, coñecer e valorar o seu hábitat para poder actual nel.

 

“A cidade tamén é a relación das persoas co espacio que habitamos. A nosa concepción de Ferrol como unha cidade que debe avanzar cara a modernidade, i esto, antes ou despois, pasa pola peonalización do centro e por abrir Ferrol ao mar, como levamos intentando hai xa varias corporacións”, dixo Suárez.

 

“Este obradoiro é un chanzo mais na educación dos nosos fillos e fillas sobre o xeito de relacionarse coa súa cidade mais aló das presas e dos tubos de escape, aprender xogando a relacionarse co espazo que habitan, poñendo en valor as nosas potencialidades. Estamos convencidos de que Ferrol vai a ser un lugar mais habitable, con proxecto que primen o colectivo sobre o individual”, rematou o alcalde.

 

“As cidades perderon aos cidadáns. A Vila do Mañá trata, fundamentalmente, de recuperar as cidades para os cidadáns, especialmente para os cidadáns do futuro que son os nenos”, resumía Sandra González Álvarez, de Post Arquitectos. “Aquí en Ferrol nos interesaba moito saber a opinión dos nenos sobre o Muro do Arsenal, unha actividade que entendíamos que tiña que ser específica para Ferrol e que nos deixou respostas moi indicativas; pensan que hai desde sereas e mar, ate parques de atraccións e dinosaurios”, dixo González.  

 

A publicación, cunha edición especial dun milleiro de exemplares, ofrece un ollar distinto sobre a nosa cidade, coa ambición do futuro para unha cidade que camiña e que quere camiñar cara un entorno mais accesible, amable, humana con espazo para as persoas.

 

 

A VILA DO MAÑÁ,

 

A Vila do Mañá é un proxecto deseñado e executado por mulleres arquitectas que deu os seus primeiros pasos en decembro do 2016 e que foi recoñecido na Bienal Internacional de Educación en Arquitectura. Detrás do proxecto está aequipa de PØSTarquitectos, co apoio da Escola Técnica Superior de Arquitectura dA Coruña (ETSAC), e do COAG, ademais da Asociación para A Defensa do Patrimonio Galego (APATRIGAL) e coas achegas dos distintos concellos que se suman.


Ligazón a publicación


https://drive.google.com/file/d/1Wi8oy6pOlOGBxyWtCRy2ooXB0d1ycOZG/view


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar