Novas

luns, 08 de outubro de 2018

A MANCOMUNIDADE ASINA O CONVENIO PARA MELLORAR O SERVIZO DA CASA DE ACOLLIDA DE FERROL

O convenio foi asinado polo alcalde e presidente, Jorge Suárez, e a alcaldesa de Narón e vicepresidenta, Marián Ferreiro, no pleno celebrado esta tarde no Pazo Municipal A mellora pasa polo reforzo do persoal con dúas novas prazas: auxilar coidador/a e unha de educador/a social


A MANCOMUNIDADE ASINA O CONVENIO PARA MELLORAR O SERVIZO DA CASA DE ACOLLIDA DE FERROL

Ferrol, 8 de outubro.- O pleno da Mancomunidade de municipios da ría de Ferrol, na sesión celebrada esta tarde na Sala de Alcaldes, ven de asinar o convenio interadministrativo de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade para mellorar o servizo da Casa de Acollida de Ferrol. Foi asinado polo alcalde de Ferrol e presidente da Mancomunidade, Jorge Suárez, e pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, na súa calidade de vicepresidenta.

A Casa de Acollida de Ferrol foi o primeiro centro deste tipo que se creou en Galicia, no ano 1986. Tamén é o único centro deste tipo no seu ámbito territorial, motivo polo que recibe persoas usuarias de todos os concellos da Mancomunidade e doutros puntos da provincia, e incluso casos doutras provincias e comunidades autónomas.

A pesar do esforzo económico do concello de Ferrol e a colaboración doutras Administracións, os recursos humanos dos que actualmente dispón a Casa de Acollida de Ferrol non son dabondo para atender a demanda deste servizo. O proxecto para mancomunar e reforzar este servizo presentouse como proxecto da Mancomunidade aos premios Coopera 2015 da Xunta de Galicia e foi recoñecido co segundo posto e unha achega de 25.000 euros.

A mellora pasa pola dotación de dúas persoas. O Concello de Ferrol contratará a xornada completa unha auxiliar coidadora e unha educadora social como persoal propio dedicado en exclusiva á Casa de Acollida e á atención das persoas vítimas de violencia de xénero usuarias deste centro, cuxos custos laborais se estiman 74.000 € anuais para os vindeiros catro anos.

A Mancomunidade aportaría 27.168,44 no primeiro ano, e 41.029,88 nos seguintes tres exercicios. A achega do Concello é de 21.831,56 euros no primeiro ano, e de 32.970,12nos seguintes. Unha vez subscrito este convenio, a Mancomunidade aboará ao Concello de Ferrol 25.000 €.  Anualmente, a Mancomunidade realizará unha achega anual do 55,45% do gasto realizado polo concello de Ferrol, as achegas realizadas serán repercutidas aos outros oito concellos integrantes da Mancomunidade (en proporción á súa poboación de acordo coas cifras oficiais de poboación publicadas polo IGE).

 

O concello de Ferrol levará a cabo o proceso selectivo para a contratación do persoal mediante unhas bases que deberán ser aprobadas polo órgano competente do Concello de Ferrol e polo Pleno da Mancomunidade. Na composición do tribunal deberán estar representados tres concellos da Mancomunidade ademais do de Ferrol.

 

Doutra banda, no pleno deuse audiencia aos representantes de Arela, que presentaron o programa Convive Conmigo e  no pleno, as alcaldesas e alcaldes, barallaron distintas posibilidades para concorrer ao vindeira edición dos premios Coopera. Salientar que no ano 2012, foi premiada unha iniciativa que cristalizou na xestión mancomunada do Refuxio de Animais de Mougá. Na edición do ano 2015 da mesma convocatoria de premios, a Mancomunidade foi distinguida por presentar unha proposta de mellora conxunta da casa de acollida que hoxe deu outro paso adiante reforzando o cadro de persoal para mellorar un servizo imprescindible.

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar