Novas

martes, 06 de novembro de 2018

ESTAMOS DE ANIVERSARIO: DEZ ANOS DA CASA DA MULLER

E non deixes de vir a celebralo con nós este sábado 10 ao Torrente Ballester Haberá música caboverdiana, a proxección de 'Esto se cae', a visión femenina de Marzo do 72 e unha mostra dos traballos feitos nos obradoiros de Muller


ESTAMOS DE ANIVERSARIO: DEZ ANOS DA CASA DA MULLER


Ferrol, 6 novembro.- Dez anos da Casa da Muller non se cumpren todos os días. A concelleira de Muller e Igualdade, Saínza Ruiz, presentaba esta mañá en rolda de prensa, polo miúdo,  os actos organizados este sábado 10, co gallo do décimo aniversario da Casa da Muller, sita na rúa Lugo e todo un referente do espazo feminino e feminista da nosa cidade. 

Desta volta, imos celebralo no Centro Cultural Torrente Ballester, cunha morea de actos que se inician este sábado 10  pola mañá, as 11:00 horas, cunha pequena expo dos traballos realizados nos obradoiros da Casa da Muller (pachwork, fotografía...), tamén haberá mostras abertas dos distintos obradoiros, unha actuación da Coral da Casa da Muller. 

Unha das partes centrais da nosa festa será a proxección do documental 'Esto se cae', de Marzo do 72,  que se fará na capela do Torrente Ballester, e as intervencións da concelleira, Saínza Ruiz e do alcalde, Jorge Suárez. 

Ao remate, o peche musical da man de Batuko Tabanka, que pechan a súa xira galega na nosa cidade a través da Irmandade co Fondo Galego de Solidariedade, que potencia os lazos que unen Galicia e Cabo Verde. 

Os actos do X aniversario da Casa da Muller, enmárcanse na aposta que fai o Goberno local por traballar e afondar na sororidade, e integran un programa mais global para este mes de novembro, concentrado no 25N, a través da campaña Ferrol en Negro contra as Violencias, que presentaremos polo miúdo a semana vindeira. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar