Novas

mércores, 07 de novembro de 2018

JAVIER GUTIÉRREZ RECIBIRÁ A MEDALLA DE PRATA DO CONCELLO DE FERROL NUNHA GALA O 17 DE NOVEMBRO

O multipremiado actor ferrolán, recoñecido con dous Goyas, ten certificado a súa excelencia interpretativa en cine, teatro e televisión sen perder a conexión coa súa cidade como embaixador da ferrolanidade e incombustible siareiro do Racing de Ferrol A gala terá lugar o sábado 17 de novembro no Auditorio de Caranza as 12:00 horas nunha festa con moitas sorpresas e aberta ao público que pode retirar os seus convites desde o venres


JAVIER GUTIÉRREZ RECIBIRÁ A MEDALLA DE PRATA DO CONCELLO DE FERROL NUNHA GALA O 17 DE NOVEMBRO

Ferrol, 7 de novembro.-  A cidade de Ferrol renderá homenaxe ao mellor actor ferrolán de todos os tempos coa entrega da Medalla de Prata ao Mérito Artístico do Concello de Ferrol o vindeiro 17 de novembro nunha gala especial no Auditorio de Caranza a partir das 12:00 horas.

É a máxima distinción que pode outorgar este municipio en recoñecemento aos seus méritos profesionais, a súa calidade humana e o seu compromiso con esta urbe, da que resultou ser un dos mellores embaixadores posibles.

“Multipremiado pola súa excelencia interpretativa ao máximo nivel en cine, teatro e televisión”, tal e como salientaba hoxe o rexedor, Jorge Suárez, na rolda de prensa de presentación do acto, Javier Gutiérrez foi quen de manter vivos os lazos que o conectan coa cidade na que medrou e da que forma parte facendo gala de Ferrol e do seu ferrolanimos, tanto no humano, colaborando desinteresadamente con distintas causas sociais (Aspaneps, Cociña Económica..), como no deportivo, como incombustible siareiro e socio do Racing de Ferrol.

Jorge Suárez gabou o talento dun xigante da interpretación como Javier Gutiérrez, “capaz de conxugar humildade e excelencia en cada personaxe, na ficción e no real, cunha calidade profesional e humana inmensa, que traspasa a pantalla e que nos fai sentir unha gran fachenda ao presumir de Ferrol e de ferrolanismo, e mesmo de ser parte dunha equipa de fútbol de Terceira”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, salientaba hoxe “o xusto mérito” da concesión desta Medalla a un home que se ten convertido “nunha figura fundamental da escena artística”, e avanzaba as conversas para poder contar con Javier Gutiérrez como protagonista da axenda cultural do Concello de Ferrol a primeiros do ano próximo, xa que por cuestións da intensa axenda do actor, non foi posible facelo antes pese a que se intentou.

 

GUTIÉRREZ, FERROLÁN DO ANO NO 2011 E 2015 E FILLO PREDILECTO DA CIDADE

Foi no mes de febreiro cando o Goberno local deu inicio ao expediente para a concesión da Medalla de Prata da cidade, que contou co refrendo unánime do pleno da corporación na sesión celebrada o 28 de xuño.

Gutiérrez xa é Fillo Predilecto da cidade e Ferrolán do ano 2011 e 2015. O vindeiro sábado 17, sumará outro recoñecemento da súa cidade natal, coa máxima distinción que pode conceder o Concello de Ferrol, como é a Medalla de Prata. O último en ser merecedor e acadar este recoñecemento foi o triatleta ferrolán Javier Gómez Noya, que conquistou esta distinción en maio do 2016.

Malia que naceu en Luanco, Asturias (1971), Javier Gutiérrez Álvarez se define inequívocamente como ferrolán. Aquí pasou infancia e a súa mocidade, enraizado no barrio de Caranza. Coñecida é a súa paixón polo equipo da cidade, o Racing de Ferrol, do que é socio desde hai moitos anos.

Pese a súa apertada axenda profesional, Gutiérrez sempre atopa un oco para volver a Ferrol, como veciño e como artista, e ten amosado a mellor das disposicións a colaborar co Concello. O concelleiro d

No 2011, xa acadara o recoñecemento de Ferrolán do Ano, un logro que repetía no 2015 polos seus méritos profesionais. Nos dous últimos anos, o seu traballo como intérprete foi recoñecido, recentemente, cos seguintes galardóns:

 

§         Premio Goya ao mellor actor protagonista 2015 La Isla Mínima

§         "Concha de prata no Festival de San Sebastián polo seu papel na película "La isla mínima". (2014)

§         Mellor intérprete protagonista pola Unión de Actores e Actrices. (2014)

§         Premio José Mª Forqué. (2014)

§         Fotograma de Prata. (2014)

§         Premio Feroz (2014)

§         Premio do xurado (Pedigree) no Festival de Cans (2014)

§         Premio Jose María Forqué, Mellor Interpretación Masculina por 'El Autor' (2018)

§         Premio Feroz Mellor Actor protagonista 'El Autor' (2017)

§         Premio Goya Mellor Interpretación Masculina 'El Autor'

 

 GALA ABERTA DE ACCESO LIBRE O SÁBADO 17 NO AUDITORIO DE CARANZA AS 12:00

 A gala de homenaxe a Javier Gutierrez será o sábado 17 de novembro as 12:00 no Auditorio de Caranza. Trátase de trasladarlle en persoa todo o calor da nosa cidade e o recoñecemento colectivo polo seu traballo e por presumir e ter fachenda de ferrolán polo mundo.

As entradas para asistir como público son completamente de balde para unha gala chea de sorpresas e poderanse retirar na billeteira do Jofre, como é habitual, a partir deste venres 9 no horario habitual da taquilla: de martes a venres de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas. 
Sábados, domingos e festivos de función, abrirá pola mañá de 11.00 a 13.00 e pola tarde dende dúas horas e media antes do inicio da mesma.
 

Tanto o alcalde como o concelleiro fixeron hoxe fincapé en reiterar que a gala será un acto aberto, lúdico, ameno e canto mais participado mellor, polo que se fai este convite a veciñanza, a través dos centros educativos, entidades veciñais, sociais e, en xeral, a todo o tecido asociativo do noso municipio para que se sumen a esta festa cun premio ben merecido para Javier. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar