Novas

mércores, 07 de novembro de 2018

‘FERROL REBELDE’, CEN ANOS DE HISTORIA DO MOVEMENTO OBREIRO DA CIDADE FEITO DOCUMENTAL

A estrea do documental que tivo o seu xérmolo nos roteiros didácticos pola cidade será o xoves 15 nunha gala aberta e participada no teatro Jofre as 20:00 horas A voz senlleira de María Manuela será a encargada de abrir o acto co peche de luxo a cargo de Ezetaerre, que veñen de gravar un tema nos estaleiros da ría As persoas que queiran asistir teñen que retirar os seus convites na billeteira do teatro de balde desde o martes 13


‘FERROL REBELDE’, CEN ANOS DE HISTORIA DO MOVEMENTO OBREIRO DA CIDADE FEITO DOCUMENTAL

Ferrol, 7 novembro.-  Naceu como un roteiro didáctico “Ferrol rebelde”, consolidouse como unha cita exitosa na participación de público  e centros educativos nas catro edicións que se desenvolveron desde 2015 e agora salta a gran pantalla con forma de documental ‘Ferrol Rebelde: Cen anos de historia obreira’, nunha gala aberta e participada que terá lugar o xoves 15  no Teatro Jofre as 20:00 horas.

 

A gala, Ferrol Rebelde: Dereito a coñecer, deber de recordar’, foi presentada hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Álvaro Montes, acompañado de Olga Romasanta, da cooperativa Rexenerando, e ven a ser o colofón a traballo feito nos roteiros, polo que pasaron, este verán mais de cen persoas nos catro que se desenvolveron no mes de agosto, e preto de 200 escolares de distintos IES da comarca nos grupos organizados en setembro e outubro.

 

Todo o traballo feito cristalizou nun documental de 40 minutos, coa productora Numax, con Pablo Cayuela como realizador e proxectado inicialmente pola cooperativa Rexenerando como un pequeno traballo audiovisual de 10 minutos, que foi medrando como a propia actividade con testemuños e vivencias que abren o foco e documentan a historia do movemento obreiro de Ferrol, na vangarda, e na liña do traballo feito desde a perspectiva feminina con ‘Esto se cae: marzo do 72’, que precisamente voltará a proxectarse este sábado 10 no X aniversario da Casa da Muller no CTB.

 

“É o momento de compartir e celebrar ese Ferrol Rebelde, cos seus protagonistas. Forma parte do obxectivo que nos marcamos da recuperación da memoria de Ferrol para ser capaces de amosar un Ferrol mais alá da Ilustración como foi o de Carvalho Calero, o Ferrol das Irmandades da Fala e esta historia do movemento que temos que ofrecer ao mundo”, subliñaba Montes.

 

Os convites para asistir a gala, que terá lugar o vindeiro xoves as 20:00 horas no Jofre coa participación do alcalde, Jorge Suárez,  e do concelleiro de Participación, Álvaro Montes, son de balde. Hai que retiralos previamente na billeteira do Teatro no horario habitual desde o martes 13 ate completar aforo para unha gala que promete ser unha festa da historia e da memoria e que conta con dúas actuacións musicais de luxo como a apertura por conta de María Manuela e o peche ao ritmo de rap galego da man de Ezetaerre, que veñen de gravar un vídeo musical nos estaleiros da ría.

 

O roteiro, como sabedes, facía un percorrido de hora e media en varias estacións desde o Cantón pola rúa Magdalena, Prazas das Angustias, Esteiro Vello e rúa da Terra que, dun xeito ameno, facía unha aproximación documentada ao perfil dos seus protagonistas desde 1871, coa publicación en Ferrol do primeiro xornal obreiro de Galicia “El trabajo” ata 1975, coa asasinato de Moncho Reboiras.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar