Novas

xoves, 08 de novembro de 2018

O CTB ACOLLE UNHA EXTENSA RETROSPECTIVA DE JORGE LLORCA

É unha compilación de 114 obras do artista ferrolán logo dunha década sen expoñer na súa cidade natal. O concelleiro de Cultura inaugura este venres 9 a mostra as 20:00 horas e poderase visitar ate o 31 de decembro


O CTB ACOLLE UNHA EXTENSA RETROSPECTIVA DE JORGE LLORCA

Ferrol, 8 de novembro.- ‘Retrospectiva’, de Jorge LLorcaO propio título da mostra que se abre este venres 9 no Centro Cultural Torrente Ballester xa nos avisa do percorrido que pretendemos realizar pola carreira pictórica deste prolífico artista ferrolán, destacado debuxante e muralista, que logo dunha década sen expoñer na súa cidade natal regresa cunha proposta intensa e extensa integrada por 114 obras.

 

Foi, precisamente en Ferrol, onde LLorca expuxo a súa obra, de xeito individual, por primeira vez, salientaba hoxe o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, na rolda de prensa na que daba conta, polo miúdo, dunha nova proposta expositiva moi acaída para este tempo e esta cidade e que poderemos visitar no CTB ate o 31 de decembro.

 

“É unha gran gran retrospectiva, en número e calidade, de todo un referente da arte galega e estatal que facía moito que non recalaba, e non tiñamos a sorte de contar con el e a súa obra”, se felicitaba o concelleiro, que estivo acompañado na presentación polo propio artista ferrolán.

 

A obra que compón a mostra recolle a súa produción artística dende a súa etapa de estudos na Academia de San Fernando ate a actualidade, primando sobre o resto de técnicas as acuarelas, tecnicamente tradicionais, pero cun resultado conceptual máis achegado ao gravado, no que ten influído tamén a elección do papel como soporte de gran parte das obras expostas. Destacar tamén a importancia que na mostra se lle da ao debuxo, que lembra a frescura e espontaneidade da obra cando o artista se achega a ela por primeira vez e que, moitas veces, se perde no seu paso a lenzo.

           

“Temos a oportunidade de contemplar desde as obras mais expresionistas, co excelente i elegante debuxo, ate acuarelas, unha técnica moi querida por el que desenvolve con absoluta mestría e extraordinaria habilidade e técnica”, salientou Basterrechea, que apuntou tamén o talento de Llorca como gran coñecedor das distintas tendencias e correntes artísticas e achegado ás veces ao hiperrealismo. A súa obra caracterízase polo equilibrio na composición e a limpeza nas formas, salientaba o edil.

 

Na exposición que temos no Centro Torrente Ballester  poderemos apreciar dende as súas obras de xuventude durante a etapa académica ata a súa última etapa artística ata o momento e que nunca foi exposta, pasando pola súa obra máis expresionista ou a exquisita obra de finais dos noventa e principios do século XXI, pola que probablemente é máis coñecido. Temos tamén unha mostra dos seus debuxos, da súa obra cartelística e de distintos proxectos de murais e elementos de deseño como foi a súa colaboración con Sargadelos.

 

RESEÑA BIOGRÁFICA JORGE LLORCA FREIRE (Ferrol, 1952)

 

Nado na cidade de Ferrol, ten unha formación artística rigorosa, cursou Belas Artes en Barcelona e Madrid. Foi profesor na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña.  Comezou a expoñer no ano 1973, nunha colectiva de gravado en Madrid, continuando na Trienal de Compostela, Mostra Unión Fenosa... e tamén expuxo con grande éxito individualmente na cidade de Ferrol, na Galería Atlántica da Coruña, na Galería Clérigos en Lugo ou na Casa de Galicia en Madrid.

 

Recibiu, entre outros, o Premio Alvarez Sotomayor, de Ferrol, o do Primeiro Certame de Pintura do Grove 1982 e o un primeiro premio tamén no Certame de Pintura do Concello de Cambre. Xunto coa pintura, destaca tamén como muralista en diversos centros do Concello de Ferrol ou no de Narón, así como tamén como articulista e narrador. 

 

Jorge Llorca está considerado un gran debuxante, aparte de gran coñecedor das distintas tendencias e correntes artísticas e achegado ás veces ao hiperrealismo. A súa obra caracterízase polo equilibrio na composición e a limpeza nas formas.

 

Na exposición que temos no Centro Torrente Ballester  poderemos apreciar dende as súas obras de xuventude durante a etapa académica ata a súa última etapa artística ata o momento e que nunca foi exposta, pasando pola súa obra máis expresionista ou a exquisita obra de finais dos noventa e principios do século XXI, pola que probablemente é máis coñecido. Temos tamén unha mostra dos seus debuxos, da súa obra cartelística e de distintos proxectos de murais e elementos de deseño como foi a súa colaboración con Sargadelos.

 

O concelleiro remataba hoxe facendo extensivo o convite a veciñanza para que se acheguen,  desde mañá mesmo polo CTB, para coñecer e profundar na obra de Jorge Llorca.  A expo abre as súas portas este venres 9 as 20:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, na rúa Concepción Arenal.

Poderase visitar ate o 31 de decembro no horario habitual do CTB,

 

            Martes a Sábado de 11 a 14 e de 17 a 21h

            Domingos e festivos de 11 a 14h

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar