Novas

luns, 26 de novembro de 2018

O GOBERNO DE FERROL LANZA UNHA ENQUISA PARA ADECUAR O TRANSPORTE PÚBLICO AS NECESIDADES REAIS DO MUNICIPIO

A concelleira de Urbanismo e Mobilidade presentaba hoxe EMAPIC: Enquisa para a Mellora da Mobilidade Urbana de Ferrol.María Lemos pide a implicación de toda a veciñanza, tamén a través do tecido asociativo, para facer unha diagnose certeira e artellar un plan eficaz. A enquisa deseñada por CartoLab é sinxela e visual, non require datos persoais e pódese respostar en catro minutos achegando propostas de rutas e paradas


O GOBERNO DE FERROL LANZA UNHA ENQUISA PARA ADECUAR O TRANSPORTE PÚBLICO AS NECESIDADES REAIS DO MUNICIPIO

Ferrol, 26 de novembro.- Adaptar o transporte público as necesidades reais dos veciños en horarios, traxectos e paradas para mellorar a mobilidade das persoas e as comunicacións entre o concello e os municipios veciños para implementar o uso do transporte público.


Con este obxectivo primordial, o Goberno de Ferrol, a través da Concellería de Urbanismo e Mobilidade, ven de lanzar EMAPIC, unha enquisaespecíficamente deseñada para a nosa cidade, pola Fundación Universidade da UDC, a través dunha equipa multidisplinar e moi experimentada neste campo, CartoLab –Laboratorio de Enxeñería Cartográfica-, que ten por obxecto adecuar o transporte público a demanda real da veciñanza.


Tratase, en definitiva, de trazar unha diagnose da situación de partida coa información de primeira man, para facer unha proposta que dea unha resposta práctica as necesidades de transporte dos veciños na procura do ben común.


EMAPIC, Enquisa para Mellora da Mobilidade Urbana de Ferrol, é unha das tres accións deseñadas pola Área de Urbanismo e Mobilidade, que ten en marcha un total de tres traballos previos para documentar a situación actual, trazar unha diagnose clara e concisa, como paso previo a apertura dun diálogo construtivo que permita proceder a un redeseño do servizo, en aras dunha maior utilidade e eficiencia, gañando en usuarios e minorando o emprego do vehículo particular.


A concelleira de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos, facía hoxe o lanzamento da enquisa EMAPIC, cunha demostración práctica e visual dun sinxelo procedemento para cubrir os campos habilitados e completar unha información de primeira man que será de gran utilidade para facer o redeseño eficiente do transporte urbano no Concello de Ferrol.


Ferrol, tal e como recordaba hoxe Lemos, aspira a xestionar o servizo de xeito directo como lle corresponde a un Concello de mais de 50.000 habitantes. “Estabamos moi atados polas concesións da Xunta e isto é un desafío para mellorar a mobilidade e solventar as eivas actuais, limitadas pola xestión autonómica e polas actuais concesións a Monbús e Tranvías Ferrol, que expiran en agosto e decembro do 2019 respectivamente”.


Fernández Lemos facía hoxe un chamamento a toda a veciñanza, a través dos medios de comunicación, na procura da maior implicación posible de todos os veciños para un mellor servizo para todos: poden respostar a enquisa todos os membros da unidade familiar, entidades veciñais, asociacións deportivas, culturais, centros educativos en todos os niveles, para tomar o pulso da cidade nas demandas do transporte colectivo.

Particularmente interesante será que se impliquen os colexios e institutos, aos que se lles proporá complementar unha clase con esta actividade para visualizar os percorridos e lograr que se impliquen nun redeseño da cidade, con hábitos de vida mais saudables e apostando pola autonomía nos seus desprazamentos no transporte colectivo ampliando a todo o ano os obxectivos cos que se traballa na Semana da Mobilidade.


Para conseguir este obxectivo, -engade a concelleira de Mobilidade- cómpre que se desenvolva unha actividade de investigación previa coa que caracterizar os desprazamentos, identificar as necesidades da poboación segundo o modelo de transporte que utiliza, caracterizar as necesidades segundo zonas ou barrios, liñas de transporte, horarios, paradas... .’.


Ate o momento, as enquisas que tiñamos eran as que facía a Xunta ‘sube-baixa’ entre os propios usuarios pero nós o que pretendemos con esto é implicar a todos, e captar aos novos usuarios potenciais”, reiterou, facendo fincapé no carácter novidoso desta consulta pública para que os veciños deseñen o transporte que queren.


¿Cómo participar? A enquisa está deseñada online para cubrir en catro minutos e pódese acceder desde hoxe mesmo na seguinte ligazón ate finais de decembro. A maiores, o Concello recadará a opinión presencial dos veciños con enquisa directas nas entidades veciñais para favorecer a participación das persoas de mais idade. A ligazón da enquisa é:


https://emapic.es/mobilidadeferrol


A vontade do Goberno e que se implique nesta consulta toda a veciñanza, xa que canta mais información recabada, mellor será o servizo no futuro. A enquisa está aberta a suxestión de novas paradas e traxectos e cómpre destacar a variedade que oferta a enquisa nos modos de desprazamento, xa que inclúen a cadeira de rodas, por exemplo, co fin de poder implementar no futuro un plan adaptado a todos os tipo de comportamento e mobilidade posibles.


Reiterar que o Goberno de Ferrol, desde a Área de Urbanismo e Mobilidade, está a apostar en firme por repensar e reorganizar o transporte público no municipio para procurar unha maior e mellor mobilidade da veciñanza, mudando hábitos, multiplicando as posibilidades, adecuando liñas, servizos e horarios as necesidades reais, e avanzando, en definitiva cara o obxectivo de promover o transporte público como fórmula para unha cidade moderna, mais viva, accesible e sustentable.


Lembrarvos que o Concello de Ferrol foi seleccionado xunto a outras 18 cidades europeas para tomar parte activa no programa europeo CIVITAS SUMPs-UP / SLP3 . Isto é, un grupo piloto de innovación, para establecer axudas e servizos para a elaboración e selección de medidas relacionadas cos SUMPS (Sustainable Urban Mobility Planning), o que ven a ser Plans de Mobilidade Urbana Sostibles, que entroncan directamente co transporte público, co obxectivo preminente de acadar un progreso na planificación, desenvolver coñecementos sobre cómo abordar so problemas e atopar solucións aos retos da mobilidade urbana, probar e avaliar ferramentas de planificación, cara a obter un importante progreso nesta materia.


A maiores, e ademais deste CIVITAS SUMPs, e de EMAPIC, está en fase de contratación un segundo estudo, aínda mais específico, “Estudo do transporte público colectivo no Concello de Ferrol: situación, melloras e viabilidade dos diferentes tipos de xestión”, mediante un contrato menor coa solicitude de 4 ofertas a empresas e profesionais especializados na materia con equipos multidisciplinares especializados na planificación e mellora dos modelos de transporte nos ámbitos. Estímase que se poderá iniciar xa neste mes de novembro cun prazo de execución de tres meses, o que nos permitiría dispoñer das conclusións a primeiros do ano próximo.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar