Novas

martes, 08 de xaneiro de 2019

CATRO MULLERES, DISTINGUIDAS ESTE SAN XIAO COMO FERROLÁ DO ANO E TRES INSIGNIAS DE OURO DA CIDADE E MANUEL SÁNCHEZ HERMIDA, FILLO PREDILECTO

A vicereitora do campus de Ferrol, Araceli Torres foi distinguida como Ferrolá do Ano 2018 polo seu labor a prol da integración campus-cidade As tres Insignias de Ouro recoñecen o extraordinario traballo de Maite Fernández, en Ferrol Vello; Olga Basterrechea en Asfedro e a oftalmóloga do CHUF, Rosa Arroyo Manuel Sánchez Hermida, o que fora xefe de Alcaldía e Protocolo, foi recoñecido como Fillo Predilecto da cidade


CATRO MULLERES, DISTINGUIDAS ESTE SAN XIAO COMO FERROLÁ DO ANO E TRES INSIGNIAS DE OURO DA CIDADE E MANUEL SÁNCHEZ HERMIDA, FILLO PREDILECTO

Ferrol, 7 de xaneiro-  Catro mulleres: Araceli Torres, Maite Fernández, Olga Basterrechea e Rosa Arroyo, e un home, Manuel  Sánchez, protagonizaron este ano o Día de San Xiao 2019 na gala institucional de entrega do premios Ferrolán do Ano 2018 e as Insignias de Ouro da cidade.  Foron entregadas este luns 7, co gallo do patrón da cidade naval nunha fermosa cerimonia no Teatro Jofre que contou coa presencia da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, celebrando 19 anos de irmandade entre Ferrol e Lugo, e a presidenta da Cámara Municipal de Vila do Conde, Elisa Ferraz. 


Por unanimidade, o 26 de novembro do 2018 a Xunta de Voceiros do Concello de Ferrol acordou a designación destas cinco persoas e posteriormente, o pleno deu o seu refrendo, tamén co consenso de todos os grupos políticos da corporación municipal. 



 FERROLÁNS DO ANO 2018:


Persoas ou entidades que, ao longo dun ano, destaquen especialmente en calquera das ramas do saber humano ou que as súas iniciativas, esforzos ou feitos proxecten vinculación con Ferrol, revistan importancia ou signifiquen unha promoción dos intereses sociais, económicos e culturais do municipio e dos seus veciños e veciñas.

 


  • ARACELI TORRES MIÑO: Vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol. En pouco máis dun lustro foi quen de dinamizar o noso campus: facendo posible novas titulacións, promovendo a súa internacionalización por medio de convenios con universidades ou institutos politécnicos (de Francia, Portugal, Colombia, El Salvador ...), establecendo acordos con empresas importantes para que o alumnado poida facer prácticas, como é o caso de Navantia, mellorando substancialmente o programa residencial dos estudiantes ou traballando arreo cara a expansión do noso campus por medio das instalacións do Novoa Santos. En resumo, con este recoñecemento quérese destacar a súa aposta por facer do noso campus un dos piares fundamentais de Ferrol por medio da formación e da educación. Un envite claro e firme polo noso futuro.

 

“De Araceli teño que dicir que temos unha relación magnífica e que penso que está a facer un grandísimo traballo na dinamización do campus, nos intercambios universitarios con outros países, en pechar acordos con grandes empresas como Navantia i na expansión do campus ao Novoa Santos. É unha persona que presume de cidade, desde un orgullo crítico que sempre demanda melloras e aposta pola integración do campus no tecido urbano”, salientaba o rexedor, Jorge Suárez.

 

INSIGNIAS DE OURO:

 

É tradicional, así mesmo, a concesión da insignia de ouro do Concello como recoñecemento público ás persoas ou entidades que durante este tempo desenvolveron unha actividade altruísta en favor dos demais ou que teñen unha labor ou mérito merecente de premio pola súa utilidade pública e social.

 

  • MAITE FERNÁNDEZ MARTÍNEZ: Presidenta da A.VV. de Ferrol Vello. Un recoñecemento a súa extraordinaria loita por este barrio, fermoso corazón da nosa cidade. Maite foi quen de aumentarlle a conciencia a todos (administracións, políticos, veciñanza … ) da necesidade de levar a cabo actuacións urxentes cara a poboación en Ferrol Vello, un barrio que ten que ser o punto de entrada á cidade no só desde o mar e que é unha referencia que non debemos perder da nosa historia.

 

“Unha persoa que loitou e loita polo seu barrio dun xeito extraordinario e que participou no Concello e tamén a través da Asociación Galega de Veciños e Veciñas. É un recoñecemento a ela e ao traballo das entidades veciñais”, manifestou o rexedor.

 

  • OLGA BASTERRECHEA: Un recoñecemento á súa capacidade de entrega aos demais, vontade de servizo e espírito solidario. Foi quen de asumir, xunto con compañeiros/as colaboradores, o reto de salvar a entidade Asfedro (Asociación Ferrolá de da súa desaparición por falta de apoios económicos das administración públicas. A importancia do servizo que presta esta entidade queda reflectido no feito de que leva atendido a máis de mil persoas drogodependentes na nosa bisbarra.


'Unha muller loitadora, incansable e participativa do tecido social e do cultural, que foi quen de asumir a xestión de Asfedro e afastala da desaparición, pelexando contra a falla de apoio das Administracións, nun labor impagable na loita contra a droga e na asistencia a mais dun milleiro de persoas na nosa comarca”, destacaba Suárez sobre Olga Basterrechea.

 

 

  • ROSA ARROYO: Oftalmóloga del CHUF. Foi elixida Vicesecretaria Xeral del Consello Xeral de Colexios Médicos (CGCOM). É a primeira muller na historia que accede á cúpula da organización médica española.

 

Unha firme defensora da profesión médica e dos seus profesionais, que aposta por novas formas de entendemento entre a Medicina e a sociedade e que accede, como gran profesional, a cargo historicamente copados polos homes”, destacaba o rexedor.

 

MANUEL SÁNCHEZ HERMIDA, FILLO PREDILECTO DE FERROL

 

É de xustiza recoñecer catro décadas de traballo no Concello de Manuel Sánchez Hermida, funcionario deste municipio desde 1977 e que ven de pasar a xubilación o 22 de agosto do 2018, como Fillo Predilecto de Ferrol

 

Manolo Sánchez foi  xefe do Negociado da Alcaldía e de Protocolo máis de trinta anos con diferentes Alcaldes e Corporacións Municipais, sempre desde unha exquisita profesionalidade coa súa característica afabilidade e capacidade de diálogo, gran mestre, magnífico guía do Concello, do que atesora multitude de segredos e anécdotas.

O seu traballo, esforzo e atención durante toda súa vida persoal e profesional dedicouno á promoción e defensa dos intereses de Ferrol, co apoio e lealdade a todos os Alcaldes da nosa cidade en democracia, a marxe de ideoloxías”, manifestaba Jorge Suárez, que amosou o súa especial satisfacción por esta distinción a un grandísimo profesional, persoa agarimosa, prudente e discreta, que traballou arreo desde o departamento de Protoloco velando sempre polo intereses público e polo bo nome da cidade en grandes eventos desde a atención aos pequenos detalles.

“Logo duns meses desde a súa xubilación, estimo que é chegado o momento de que as distintas corporacións recoñeceran a súa dilixencia, con vocación de servizo público e sempre disposto a solventar problemas co maior dos sorrisos e a mellor disposición”, remataba o rexedor.

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar