Novas

xoves, 10 de xaneiro de 2019

O GOBERNO ASUME MAIS DE 600.000 EUROS EN OBRAS SUBSIDIARIAS PARA EVITAR RISCOS POR MOR DE INMOBLES RUINOSOS

O Concello ten que asumir con fondos públicos tarefas que competen a propietarios irresponsables que abandonan o seu patrimonio implicando un risco para a seguridade. Desde xuño de 2015, Urbanismo declarou 66 expedientes de ruína e ditou 236 ordes de execución e 98 multas coercitivas logo de abrir 272 expedientes e realizar 500 inspeccións técnicas de edificios. A concelleira de Mobilidade, María Fernández Lemos, animaba hoxe a veciñanza a cubrir a enquisa sobre transporte público (EMAPIC) antes do 20 de xaneiro para deseñar un mellor servizo colectivo.


O GOBERNO ASUME MAIS DE 600.000 EUROS EN OBRAS SUBSIDIARIAS PARA EVITAR RISCOS POR MOR DE INMOBLES RUINOSOS

Ferrol, 10 de xaneiro .- O Goberno de Ferrol leva destinado desde xuño do 2015 mais de 600.000 euros de cartos públicos a asumir a execución de obras de carácter subsidiario en propiedades particulares para evitar riscos de derrubo na vía pública de inmobles en avanzado estado de deterioro ou ruína, produto da deixadez e do abandono dos seus propietarios lexítimos.

No concreto, no ano 2018 foron tres obras por importe de 85.181,84 euros para intervir de urxencia en tres inmobles sitos na rúa Magdalena, na Estrada de Castela e na rúa Concepción Arenal. No que vai de 2019, onte mesmo foi asinada a obra dun edificio no barrio de San Xoán, por 35.090 euros, i en breve, acometerase unha obra mais ampla para estabilizar un talud na urbanización de Fenya, cuxos defectos de construción polos que non respostou a empresa promotora derivaron dun derrube parcial dun muro que linda cunha escola infantil de Canido.

 

O custe total das obras subsidiarias en propiedades particulares pagadas con cartos públicos para evitar riscos colectivos pola irresponsabilidade dos seus donos desde o inicio deste mandato superará amplamente os 600.000 euros. Son, en todos os casos, intervencións que o Concello de Ferrol asume froito dun longo e farragoso proceso administrativo regulamentado que ten que cinguirse a uns prazos garantistas para contar con todas os avais xurídicas e legais precisos en cada caso particular.

 

Así o manifestaba hoxe a concelleira de Urbanismo e Vivenda, María Fernández Lemos, que comparecía en rolda de prensa para informar da sinatura da orde de execución subsidiaria para intervir nun inmoble sito no número 5 da  Estrada de San Pedro, no barrio de San Xoán, nunha propiedade particular afectada por un incendio o 1.09.18 e que condicionaba a habitabilidade do edificio contiguo e dos seus veciños, que tiveron que ser desaloxados preventivamente.

 

A orde de intervención subsidiaria asinada para este inmoble concreto, tal e como explicaba hoxe Fernández Lemos, é o último paso dun complexo expediente de Disciplina Urbanística con mais de 20 trámites imprescindibles entre notas informativas, informes técnicos e policiais, notificacións e decretos de apontalamento de emerxencia e outros, nos últimos catro meses desde que se decretara o incendio o 1 de setembro.

 

Desde xuño de 2015, o Goberno de Ferrol decretou 66 expedientes de ruína e ditou 236 orde de execución logo de abrir dilixencias previas en 272 propiedades e de impoñer 98 multas coercitivas con sancións que van de 1.000 a 10.000 euros.  Doutra banda, tamén se realizaron neste período mais de 500 expedientes de inspeccións técnicas de edificios (ITEs).

 

“Apostamos, como ben sabedes, pola rehabilitación e cos datos na man, estamos fachendosos de ter avanzado moitísimo nese campo. Con todo, sempre hai e sempre haberá propietarios que non cumpren nin asumen as súas obrigas porque non queren ou porque non poden pero a súa irresponsabilidade é tal que a nosa obriga é asumir a obra para evitar riscos na vía pública”, manifestou Lemos.

 

 “Coido que neste tempo, e con pouco persoal, levamos feito un traballo inxente en Disciplina Urbanística, pero é de lamentar que teñamos que gastar en propiedades particulares uns fondos que deberan ser para obra pública pola irresponsabilidades dos propietarios que non cumpren coa súa obriga de garantir a seguridade pública”, resumía a edil.

 



DERRADEIROS DÍAS PARA CUBRIR A ENQUISA DE EMAPIC E PARTICIPAR NO DESEÑO FUTURO DO TRANSPORTE PÚBLICO DE FERROL

 

Por último, a concelleira de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos, animaba hoxe a veciñanza a apurar o prazo para sumarse e participar do deseño  futuro do transporte público e urbán do Concello de Ferrol cubrindo enquisa Emapic (Enquisa sobre mobilidade urbana de Ferrol), que estará activa ate o 20 de xaneiro (inclusive).

 

Lemos insistía hoxe na vontade do Goberno de  chegar a todos os segmentos da poboación ferrolá, tanto no rural como urbano, favorecendo a implicación e a participación co obxecto de mellorar o noso transporte público e adecualo a demanda real e efectiva dos cidadáns. Precisamente, nesta última fase, a Fundación UDC Cartolab, ao cargo da enquisa, están a finalizar o traballo de campo coas entidades veciñais e asociacións que se sumaron ao proxecto logo da xuntanza mantida no Concello de Ferrol o pasado 10 de decembro. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar