Novas

xoves, 07 de febreiro de 2019

‘INTERPRETACIÓNS DE MADUREZ’ DE MIGUEL A. FERNÁNDEZ, NOVA RETROSPECTIVA DUN ARTISTA LOCAL NO CTB

Esta nova mostra toma o relevo a de Jorge Llorca e afonda na liña mantida polo Goberno ferrolá de por en valor a obra mais descoñecida de artistas locais. Polifacético e poliédrico, Miguel A. Fernández, adicou a súa vida ao mar conxugando a navegación coa pintura e a poesía. A exposición ábrese mañá as 20:00 e ficará no Torrente Ballester ate o 21 de abril


‘INTERPRETACIÓNS DE MADUREZ’ DE MIGUEL A. FERNÁNDEZ, NOVA RETROSPECTIVA DUN ARTISTA LOCAL NO CTB

Ferrol, 7 febreiro.-   Hai quen di que naceu predestinado para dedicar a súa vida a unha labor concreta e única. Non é o caso de Miguel Ángel Fernández.  Polifacético e poliédrico, este ferrolán mariño de profesión, de longa e brillante traxectoria na navegación, adicou tamén gran parte da súa vida á poesía e á pintura, unha faceta pouco coñecida que desde a Concellería de Cultura se quere poñer en valor.

 

Con esta vontade, hoxe presentamos unha nova proposta cultural adicada integramente a Miguel Ángel Fernández que, nos vindeiros tres meses, vai ocupar o mellor espazo expositivo da cidade: o CTB, para dar a coñecer o marabilloso traballo de Miguel Ángel condensado en 90 obras escollidas dunha producción mais ampla i extensa.

 

Esta exposición toma o relevo as 114 obras penduradas no Torrente Ballester durante a retrospectiva de Jorge Llorca, e afonda na liña de poñer en valor a obra mais descoñecida dos artistas locais, tal e como salientaba hoxe o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, que presentaba a mostra en rolda de prensa acompañado pola viúva de Miguel Angel, Margarita Orduna

 

“Na súa pintura, o mar é unha constante pero non  a única. A súa faceta como pintor abrangue moi distintos estilos e temáticas. Ademais das mariñas que o entroncan coa pintura academicista e que podemos asociar á Escola Ferrolana, nesta ocasión poderemos achegarnos a outra pintura menos coñecida de Miguel Fernández”, salientaba Basterrechea.

 

Fernández, que habilitou un estudo na Graña, practicou con gran entusiasmo un achegamento ao impresionismo a través do paisaxismo, á pintura xeométrica e nalgunha ocasión a Hopper; cunha pintura vital, moi variada cromáticamente coa que demostra o seu dominio da luz e tamén a súa forma de ver o mundo. Para velo como el o miraba, non deixedes de vir a nova exposición do CTB, ate o 21 de abril no horario habitual.

 

O concelleiro remataba hoxe facendo extensivo o convite a veciñanza para que se acheguen,  desde mañá mesmo polo CTB, para coñecer e profundar na obra de Miguel Ángel Fernández. A expo abre as súas portas este venres 8 as 20:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, na rúa Concepción Arenal.

Poderase visitar ate o 21  de abril no horario habitual do CTB,

 

            Martes a Sábado de 11 a 14 e de 17 a 21h

            Domingos e festivos de 11 a 14 horas. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar