Novas

venres, 08 de febreiro de 2019

1.121 PERSOAS FIXERON ACHEGAS A MELLORA DO TRANSPORTE PÚBLICO DO CONCELLO DE FERROL A TRAVÉS DE EMAPIC

A participación na enquisa online foi maioritariamente feminina (55%) e fundamentalmente de veciños da cidade (80&) que demandan un mellor transporte que lles permita prescindir do coche no camiño ao traballo, con mais rutas e frecuencias e mellores conexións cos centros de saúde O Concello de Ferrol ten en marcha un estudo do transporte público para marcar as pautas e respostar as demandas veciñais no redeseño das rutas para asumir as competencias unha vez que expiren as actuais concesións da Xunta a Monbús e Tranvías Ferrol a finais deste ano


1.121 PERSOAS FIXERON ACHEGAS  A MELLORA DO TRANSPORTE PÚBLICO DO CONCELLO DE FERROL A TRAVÉS DE EMAPIC

Ferrol, 7 febreiro.-  Hoxe a primeira hora da mañá tiña lugar no Concello de Ferrol a  xuntanza da Mesa pola Mobilidade, presidida polo alcalde, Jorge Suárez, xuntos aos concelleiros de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos, e Seguridade e Tráfico, Álvaro Montes.  

 

Deste órgano forman parte, os representantes designados dos grupos políticos, a xefatura da Policía Local de Ferrol e tamén teñen representación o Ministerio de Defensa, a Universidade, o Sergas e a Autoridade Portuaria, ademais de dous representantes veciñais, tanto do rural como dos barrios urbanos, membros do Consello Escolar Municipal, as asociacións e entidades de diversidade funcional  e, por último, un representante da Mesa Local do Comercio.

 

Na xuntanza, a concelleira a fronte da Area de Mobilidade, deu conta polo miúdo das  accións desenvoltas ata o momento en materia de mobilidade que, tal e como xa fomos avanzando, se condensan nestes oito grandes eixos. Ao tempo, avanzáronse algunhas das conclusión da diagnose que fai a veciñanza, a través da enquisa online Emapic, sobre as eivas e melloras que demanda o redeseño do transporte público do Concello de Ferrol para avanzar cara os obxectivos que perseguimos desde o Goberno local cara unha cidade mais sostible.

 

1. Acción referidas á MOBILIDADE

 

a)     PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE (PMUS): Programa CIVITAS

 

Ese programa europeo ao que se suma Ferrol xunto con outras 18 cidades, a través do traballo en rede, ten por obxectivo final a proposta dun plan de acción viable para o noso municipio.  

 

b)     Enquisa Emapic:  1.121 usuarios

 

Como xa indicamos, foi unha enquisa online xeorreferenciada –de decembro ao 28 de xaneiro- elaborada para o Concello de Ferrol pola Fundación Universidade da Coruña (CARTOLAB, Laboratorio de Enxeñería Cartográfica) e que se pechou o pasado luns 28 cunha participación de 1.121 usuarios que definiron un total de 2.208 desprazamentos. A tempo que estaba en marcha a enquisa online, realizáronse 12 obradoiros presenciais con asociacións veciñais para fomentar a participación, e apoiar, sobre todo a xente de mais idade, nas dificultades que se puidesen atopar.

 

A participación foi, maioritariamente, feminina (55,5%), cun idades comprendidas entre os 31 e 50 anos (546 persoas) e cómpre destacar tamén que o 82% das persoas participantes reside habitualmente no concello de Ferrol e que definían necesidades de transporte público,, que pasaban, en primeiro lugar, polos desprazamentos laborais (38,7%), para cubrir traxectos que fan, habitualmente en coche particular e como condutores (53,3%).

 

Neste momento, se atopa en redacción o informe final de análise dos resultados. Como avance das conclusións, sinálanse dificultades para desprazarse en cadeira de rodas, o deficiente servizo de transporte público que teñen os centros de saúde (particularmente o Hospital Naval) e o uso do coche privado por deficiencias no transporte público (mala frecuencia ou a inexistencia da ruta desexada), unha diagnose que compartimos desde o Goberno local e que pulamos por invertir coa asunción das competencias na xestión do transporte público local actualmente en mans da Xunta de Galicia, a través de dúas empresas concesionarias ate agosto e decembro do 2019 que son Monbús e Tranvías Ferrol.

 

Un dato que se deu a coñecer hoxe, a resultas desta enquisa, e que nos preocupa particularmente é que dous de cada tres participantes din non empregar nunca o transporte público, que valoran con 2,8 de media sobre 5 puntos totais. Suxírense melloras nas marquesinas, máis información do servizo (horarios e frecuencias) nas paradas e sinálanse fallos recorrentes na app. O servizo urbano de autobús é mellor valorado que o rural (2,9 versus 2,3 sobre un máximo de 5).

 

2. Accións referidas á MOBILIDADE en TRANSPORTE PÚBLICO

 

A este respecto, está en marcha –adxudicado a empresa Think&Move- un estudo do transporte público colectivo co Concello. A empresas dispón de tres meses para proceder ao estudio de cal sería a fórmula mais idónea do modelo xestión do transporte público (concesión, empresa mixta, empresa municipal, etc.) para o Concello de Ferrol, que asumirá a xestión toda vez que venzan as actuais concesións da DX de Mobilidade da Xunta de Galicia a Monbús e Tranvías Ferrol.

 

Todo isto, explicaba hoxe a concelleira Lemos, co fin de desenvolver un plan de mellora do transporte público, e ter a información necesaria para poder tramitar o expediente correspondente, e unha vez feitos os informes técnicos municipais poder elevar a proposta ao Pleno para a súa aprobación. Deste xeito, unha vez que o Concello dispoña dos referidos estudos solicitará o oportuno asesoramento da Dirección Xeral de Mobilidade para desenvolver a proposta de xestión do servizo de transporte aprobada no pleno municipal. Haberá, en coordinación e necesaria cooperación co goberno autonómico,  un  período de transición, que permita resolver o paso das concesións da DX de Mobilidade a xestión municipal.

 

3. Accións en relación á MOBILIDADE PEONIL

 

-adhesión á Red de Ciudades que Caminan

-Camiños Escolares seguros, aplicación GEOMOVE

-proxectos de humanización e reurbanización do espazo público e vías urbanas: -rúa da Parda, rúa Miramar, Avenida 19 de febreiro, rúa Espartero, rúa Curuxeiras, remodelación da praza de Armas, praza Escolas das Pedrerías, supresión do tapón de río Subía, rúa Lasanta, eixo urbano Manuel Belando-rúa Nova de Caranza, ampliación da Estrada de Pazos, mellora do acceso ao camposanto de Serantes e pasarela peonil de Santa Mariña.

 


4. Accións en relación á MOBILIDADE EN VEHÍCULO PRIVADO

 

-Borrador da ordenanza ORE, e aparcamentos disuasorios nas rúas Alegre (en adjudicación) e no CHUF (en redacción)

 

5. Accións en relación á ACCESIBILIDADE

 

+de 700 pasos de peóns desde 2015. Actualmente, na IV fase. Melloras na sinalización e accesos aos centros escolares e deportivos municipais.

 

6. Accións en relación á INTERMODALIDADE

 

Xuntanzas cos técnicos da DX de Mobilidade para o deseño da nova estación intermodal e de autobuses de Ferrol, en redacción.

 

7. Accións en relación á PLANIFICACIÓN URBANÍSTICA

 

Criterios e obxectivos do Pacto pola Mobilidade na revisión do PXOM.

 

8. Accións en relación á INFORMACIÓN, FORMACIÓN, e EDUCACIÓN

 

-Inauguración, este venres 8 as 12:00 horas, da ESCOLA DE MOBILIDADE (FIMO), ademais de Emapic, Geomove, Camiños Escolares, programa de Educación Viaria da Policía Local e celebración do Mes da Mobilidade (Setembro) en 2018 e 2018.

 

Por último, achegamos o Plan  de Mobilidade e Espazo Público Sostible de Ferrol, aprobado en pleno o 26 de xullo do 2018, un documento de 21 páxinas que condensa os principios e obxectivos nos que traballamos nesta área.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar