Novas

martes, 09 de abril de 2019

A MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA RÍA DE FERROL LICITA O SERVIZO DE XESTIÓN DO REFUXIO DE MOUGÁ

Un cambio na normativa obriga a licitar o servizo por un importe de 200.100 euros para un máximo de cinco anos de xestión mancomunada


A MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA RÍA DE FERROL LICITA O SERVIZO DE XESTIÓN DO REFUXIO DE MOUGÁ

Ferrol, 8 de abril.- O pleno da Mancomunidade de Municipios da ría de Ferrol, ente supramunicipal que integra a nove concellos da contorna, ven de aprobar na tarde de hoxe o inicio do expediente para a licitación do servizo de xestión do Centro de Recollida de Animais "Refuxio de Mougá".

O servizo ven funcionando de xeito mancomunado desde 2013 a través dun acordo entre a Mancomunidade e o Ministerio de Agricultura, pero un cambio na normativa de contratación impide prorrogar este convenio, a pesar dos valiosos resultados desta xestión en canto á redución do abandono e normalización da adopción.

É deste xeito que a Mancomunidade, no pleno ordinario correspondente ao mes de abril, celebrado na tarde de hoxe na Sala de Alcaldes do Concello, baixo a presidencia de Jorge Suárez, inicia un proceso para a licitación do servizo. Servirá, tamén, para adaptar o servizo ás esixencias da Lei galega de protección e benestar dos animais, en particular en canto á esterilización de animais.

Esterilizar cans e gatos supón un incremento no custo do servizo e por tanto inicialmente un maior esforzo económico dos concellos, pero considérase unha das formas máis eficientes de previr o abandono de animais, cuxos resultados se apreciarán a medio prazo, sosteñen desde a xerencia da Mancomunidade.

O orzamento de licitación ascende a 200.100,00 € anuais (IVE incluído), e establécese unha duración inicial de catro anos prorrogable un ano máis (un total de 5 anos). Na valoración de ofertas, de acordo cos pregos aprobados na sesión de hoxe, terase en conta tanto o prezo como a calidade do servizo, que será valorada por un comité de expertos considerando entre outros aspectos os recursos humanos, a transparencia e as medidas para prever o abandono e promover a adopción a través das redes sociais e a cooperación con Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais legalmente constituídas e rexistradas.



O anuncio publicarase nos próximos días no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e na Plataforma de Contratos del Sector Público, concedendo un prazo para a presentación de ofertas de 35 días dende o envío do anuncio ao DOUE.



Por último, na sesión desta tarde, deuse tamén conta da solicitude de subvencións da Xunta de Galicia para dar cofinanciar o servizo mancomunado de orientación laboral, e da Deputación da Coruña para a promoción do Turismo Activo polos importes de 25.000,00 € e 125.000,00 € respectivamente.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar