Novas

xoves, 11 de abril de 2019

O GOBERNO DE FERROL ADXUDICA A CONSTRUCIÓN DA PASARELA DE SANTA MARIÑA

A XGL tamén aprobou o plan de saúde e seguridade que da inicio a remodelación de Armas para facer da praza o gran salón da Magdalena


O GOBERNO DE FERROL ADXUDICA A CONSTRUCIÓN DA PASARELA DE SANTA MARIÑA

Ferrol, 11 de abril.- O Goberno de Ferrol, en Xunta de Goberno Local extraordinaria , ven de adxudicar este xoves 11 a execución da nova pasarela peonil entre Santa Mariña e o Ensanche, unha actuación fundamental para coser barrios e salvar a fractura da vía do tren.


A intervención foi adxudicada a empresa Arias Infraestruturas SA por un importe de 626.525,61, co IVE incluído (21%) e unha ampliación do prazo de garantía a 10 anos. Conecta o barrio de Santa Mariña, desde o Camiño Laxeiro, ate a rúa Seselle, no Ensanche.


A nova pasarela peonil contará con mais de 3 metros de ancho, e puntos de alumeado cada 6 metros, e implica un cambio radical na mellora da mobilidade e da accesibilidade da zona. Resposta a unha demanda histórica da veciñanza do barrio que, agora sí, é unha realidade en construción que achega dous barrios e mellora a calidade de vida dos e das veciñas.


Doutra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao Plan de Saúde e Seguridade que da inicio a obra de remodelación da Praza de Armas. O groso da obra fora adxudicado o 26 de febreiro a UTE formada por Prosema e Civis GlobalA por un importe total de 1.347.940 euros, co IVE incluído.


Cómpre salientar que se trata dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER 2014-2020 plurirrexional de España (engloba ao anterior programa operativo de crecemento sostible FEDER 2014-2020), dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado EDUSI “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”.


Hoxe mesmo, comezaba a colocación do valado perimetral de vallas electrosoldadas, na parte inferior e nos laterais, o que non interrumpe o paso polo frontal do Pazo Municipal. 


O perímetro 'vestirase' con preto de 100 metros de lonas microperforadas con imaxes do noso patrimonio natural e urbanístico, como gran escaparate da cidade, desde a Semana Santa como Festa de Interese Turístico Internacional ao modernismo de Ucha, ao patrimonio marítimo, militar e industrial que nos fixo merecedores do recoñecemento da Unión Europea no proxecto MMIAH Interreg Espazo Atlántico, liderado por Ferrol a fronte dun consorcio internacional de 9 cidades do arco atlántico.


As obras son necesarias para mellorar e facer unha cidade mellor. Acometemos unha actuación moi necesaria e que afonda na recuperación da filosofía orixinal da praza de Armas facendo deste espazo un lugar para todas, mais verde e accesible.


Intervención urxente que non se podía demorar mais nunha praza que, hai anos -como ben saben os que nos precederon- que chegara ao final da súa vida útil e entrabaña un grave risco para a seguridade das persoas, polo que non se poden permitir aglomeracións. Cómpre ser cautos, particularmente neste tempo no que recibimos miles de visitas, e sinalizar a actuación de forma axeitada sen perder a oportunidade de amosar o mellor no noso patrimonio aos que acudan nestes días festivos, a visitar Ferrol e a súa contorna.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar