Novas

luns, 15 de abril de 2019

FERROL ACOLLERÁ O FESTIVAL DE CULTURA URBANA ABANZAI MOCIDADE

Terá lugar do 20 ao 22 de abril coa celebración de obradoiros de skate e Bmx, exhibicións, campionatos e práctica libre na Praza de España


FERROL ACOLLERÁ O FESTIVAL DE CULTURA URBANA ABANZAI MOCIDADE

Ferrol, 15 de abril.- A concelleira de Mocidade, Saínza Ruiz, presentou esta mañá en rolda de prensa o I Festival de Cultura Urbana aBanzai Mocidade, que terá lugar na cidade os días 20, 21 e 22 de abril, acompañada de Sergio Iglesias, en representación de Evo Skatepark.

En palabras da concelleira, durante estes tres días “ofreceremos un ocio diferente para a mocidade, para complementar ese gran escaparate que hai na nosa cidade” dada a grande afluencia de visitantes que haberá. Con iniciativas así trátase de “enganchar á mocidade a un xeito de vida saudable, diferente, de estar na rúa e vivir o mundo” a través dunha cultura urbana que “as institucións deben promover”.

O sábado 21 de 11:00 a 14:00 h, con integrantes de Xeración e da Casa da Mocidade, levarase a cabo na Praza 8 de marzo “a elaboración dun graffiti, dun mural colectivo, con moitas voluntarias europeas que veñen a facer sensibilización en materia de igualdade”.

Xa pola tarde, na Praza de España, onde se desenvolverán o resto de actividades salvo condicións climatolóxicas adversas, de 17:00 a 19:00 h haberá obradoiros con clases gratuítas de skate e Bmx impartidas por monitores/as procedentes da comarca, A Coruña e Santiago. Os nenos e nenas serán divididos por grupos en función de idade e habilidade. O sábado rematará cun campionato de skate e probas de Bmx a partir das 19:00 h, con entrega de premios a partir das 21:00 h

Tanto o domingo 21 como o luns 22 repetiranse os obradoiros de skate e Bmx de 17:00 a 19:00 h., seguidos de exhibicións por parte dos/as monitores/as de 19:00 a 19:30 h, con práctica libre de skatepark para toda aquela persoa que queira probar a partir desa hora.

A idade mínima para participar é de 4-5 anos, dependendo tamén da habilidade do/a neno/a. Non é necesaria inscrición previa, tan só cubrir unha ficha ao entrar nas instalacións, e está aberta tamén, por suposto, á participación de todos/as os/as visitantes que estarán en Ferrol nesas datas, polo que a asistencia é libre e gratuíta.

A organización porá a todos os materiais necesarios: proteccións, cascos, skateboards, bicis de de Bmx para toda aquela persoa que queira probar e non teña o seu propio material. Instalaranse circuítos de diferentes tamaños, adaptados para todos os públicos.

A actividade dá continuidade a outras iniciativas realizadas en meses pasados no Inferniño e Santa Mariña co obxectivo de impulsar a cultura urbana e os deportes que a conforman, ata o de agora non regrados.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar