Novas

sábado, 04 de maio de 2019

DEFENDE A GALEGA, XV PREMIO JOSE COUSO A LIBERDADE DE PRENSA POLA SÚA LOITA POLA PLURALIDADE INFORMATIVA

A Corporación Municipal recibía este venres aos representantes dun colectivo de traballadores e traballadoras da radio televisión pública de Galicia Este venres cumpríronse os 50 venres negros, 50 semanas de loito para visibilizar a súa protesta


DEFENDE A GALEGA, XV PREMIO JOSE COUSO A LIBERDADE DE PRENSA POLA SÚA LOITA POLA PLURALIDADE INFORMATIVA


Ferrol, 3 de maio.- O Pazo Municipal do Concello de Ferrol e o Teatro Jofre foron estes venres 3 os escenarios do recoñecemento e entrega do XV Premio JOse Couso a Liberdade de Prensa ao colectivo de traballadores e traballadoras da RTVG, a radio televisión pública de Galicia, en loita ´desde hai case un ano contra a manipulación nos medios públicos e na defensa da pluralidade informativa, como ferramenta e garante dunha democracia. 

Os comunicadores da CRTVG Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, recolleron o Ferrol o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, que foi entregado no Teatro Jofre. Antes, a representación do colectivo foi recibido pola Corporación Municipal, encabezada polo alcalde, Jorge Suárez, no Pazo e asinaron no Libro de Ouro da nosa cidade. 

Jiménez asegurou que a de Defende A Galega "é unha reivindicacion de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala". Moyano e Carlos Jiménez, dous profesionais da CRTVG, foron expedientados tralo seu apoio aos venres negros. 

Carlos Jiménez salientou que a súa presenza en Ferrol non é "como individuos sino como representacion de moita xente que virá ao Jofre e outra que está a traballar". Moyano, pola súa banda, agradeceu o premio "porque é o recoñecemento a un cadro de persoal que todos os venres reclama que se cumpra a Lei de Medios de 2011, coa creacion dun Consello de Informativos que garanta a liberdade de informacion". 

"Os medios públicos", asegurou, "son os medios de todos os que queremos estar informados, que é un dereito fundamental". Neste sentido, realizou un balance positivo dos venres negros, que este Día da Liberdade de Prensa fan o número 50, "por ser un símbolo de unidade".

A partir das 19:30 horas, o Teatro Jofre acolleu o acto de entrega do galardón, conducido pola comunicadora Rebeca Collado. No transcurso da gala, a xornalista Patricia Hermida deu lectura a un texto realizado en nome da organización do certame, que reivindica un xornalismo valente e feminista. 

A continuación, Tati Moyano e Carlos Jiménez recollon o galardón desta XV Edición do Premio José Couso, outorgado a Defende A Galega, de mans de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. O acto pechabase cun pequeno concerto de Petit Swing.

Defende A Galega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar