Novas

mércores, 31 de xullo de 2019

Fangoria e Dorian, primeros concertos das festas de Ferrol

As celebracións comezarán o día 23 e pecharanse o 31 cos fogos de San Ramón


Fangoria e Dorian, primeros concertos das festas de Ferrol

As festas de Ferrol celebraranse este ano entre o 23 e o 31 de agosto. O concelleiro Antonio Golpe avanzou esta mañá algunhas das claves da programación, sobre todo no apartado musical, que contará coa participación de Fangoria e Dorian como cabezas de cartel. A banda de Alaska e Nacho Canut, que acaba de estrear álbum, so programou dous concertos en Galicia este verán. Pola súa banda, os barceloneses Dorian chegan a Ferrol cando cumpren 15 anos de carreira como unha das referencias do panorama indie nacional.


Golpe explicou que a organización das festas foi un traballo contra reloxo, porque as eleccións «son cando son», dixo en referencia á proximidade dos comicios co verán, e porque «cada catro anos» a un novo goberno municipal tócalle afrontalas sen ter a posibilidade de dedicarlles todo o tempo que quixera. Nembargantes, mostrouse moi satisfeito do resultado, e precisou que aínda se está traballando en varias actividades que se pecharán nos próximos días. «Quero agradecerlles ao funcionarios de Cultura e de Festas todo o esforzo que fixeron», dixo o concelleiro en referencia á rapidez coa que traballou o persoal da súa área.


O cartel musical complétase con Tanxugueiras e Os Amigos dos Músicos o domingo 25, o tradicional festival de rondallas o luns 26, Pedro Guerra o mércores 28, Marlom o xoves 29, Mikel Erentxun o venres 30 e Siniestro Total o sábado 31 tras os fogos de San Ramón. Os concertos de Fangoria e Dorian serán na praza de España, e o resto, salvo o que pecha as festas, que será en Canido, terán lugar en Amboage. A intención é que esta variedade de estilos contribúa a que as festas «sexan de todos» e non só para unha franxa determinada de idade, explicou o concelleiro e primeiro tenente de alcalde.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar