Novas

xoves, 01 de agosto de 2019

O Concello de Ferrol adherirase á historia social única electrónica

Eva Martínez destaca que «é o primeiro paso cara unha modernización necesaria na prestación dun servizo esencial»


A Comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico vén de ditaminar esta mañá a favor da adhesión do Concello de Ferrol ao convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp sobre a historia social única electrónica (HSUE). A proposta contou cos votos a favor dos representantes do PP, do PSOE e de Ferrol en Común, mentres que a vogal do BNG reservou o seu voto para o pleno.


A historia social única electrónica é un sistema que reúne toda a información dispoñible sobre os usuarios dos servizos sociais, polo que se trata «dunha ferramenta que axilizará e mellorará o traballo do persoal técnico», lembrou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, tras a xuntanza da comisión. A edil insistiu en que a adhesión será «moi importante para a optimización desta área municipal», que en Ferrol, lamentou, «levaba tempo bloqueada sen ningunha razón aparente». Dixo tamén que este «é o primeiro paso cara unha modernización necesaria na prestación dun servizo esencial, como é o vencellado ao benestar social», polo que había que sacalo adiante «canto antes». «Ferrol non podía quedar atrás da maioría dos concellos, que xa teñen firmada a adhesión», concluíu a concelleira. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar