Novas

martes, 03 de setembro de 2019

Ferrol acolle desde mañá ata o venres a 40.ª edición das Xornadas de Automática

A continuación da sesión inaugural, Ángel Carracedo ofrecerá na Politécnica unha conferencia aberta ao público


Ferrol acolle desde mañá ata o venres a 40.ª edición das Xornadas de Automática

A Politécnica de Serantes e o campus universitario de Esteiro acollerán a partir de mañá 4 de setembro a 40.ª edición das Xornadas de Automática, un “encontro de referencia” no seu ámbito, segundo manifestou a concelleira de Economía, María Teresa Deus, na presentación deste congreso hoxe no pazo municipal. Xunto a ela estiveron presentes a vicerrectora da UDC Araceli Torres, e o profesor José Luis Calvo, que forma parte da organización.
Deus indicou que a automática, entre outros aspectos de importancia, “vai influír moito no eido do emprego” nos próximos anos e que vai transformar o mercado laboral, polo que as xornadas son do máximo interese. A edil mostrou o seu recoñecemento ao traballo que se está a desenvolver no campus de Ferrol, “porque se está a converter nun referente como campus industrial e da tecnoloxía”, como demostra a concesión deste congreso.
O profesor Calvo deulle as grazas ao Comité Español de Automática, promotor das xornadas, por concederlle ao campus ferrolán “a responsabilidade, o honor e o privilexio” de organizalas. Explicou tamén que durante os tres días haberá nove grupos temáticos que abordarán, entre outros aspectos, o control intelixente, a robótica ou a automatización. A maiores, haberá dúas mesas redondas, sobre industria 4.0 e machine learning. Para Calvo, “o éxito está asegurado”.
Dentro do programa científico, destacou a conferencia que ofrecerá Ángel Carracedo, “quizais o investigador máis representativo de Galicia”, que intervirá ás 17.00 horas, xusto a continuación da sesión inaugural, na que participará o alcalde, Ángel Mato, e que comezará media hora antes. Ambas serán no salón de actos da Politécnica e estarán abertos ao público.
En canto ao programa social, Calvo enumerou diferentes visitas que os arredor de 250 participantes farán a lugares como Exponav, o cuartel de Dolores, o castelo de San Felipe ou o pazo de Mariñán. Ademais, ofreceráselles un cóctel de benvida no hotel Carrís e unha cena de gala no Parador, e terán a oportunidade de facer un percorrido en barco pola ría. Do que se trata, asegurou, e de “favorecer tanto á cidade como ao seu entorno en todo o que sexa posible”. Por iso, agradeceulle ao Concello “a enorme axuda que prestou” á organización.
A vicerrectora expresou a “satisfacción” que supón para a Universidade que o campus acolla este congreso e lembrou que constitúe “unha proxección moi grande para a cidade. “Que os comités nacionais confíen en Ferrol para desenrolar estes eventos indica a potencialidade destes estudos na cidade”, dixo antes de mostrar tamén o seu agradecemento á concelleira María Teresa Deus “polo seu apoio”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar