Novas

xoves, 05 de setembro de 2019

O programa integrado “Ferrol Inserta 8” logra empregar ao 45 % dos participantes cando se cumpre só a metade da iniciativa

Un total de trinta e cinco empresas van participar nas prácticas desta acción para a inserción laboral


O Programa Integrado para o Emprego do Concello de Ferrol “Ferrol Inserta 8” acaba de rematar o seu período de formación, que tivo lugar entre os meses de xullo e agosto. A partir de agora, entre setembro e outubro, desenrolarase a segunda parte do programa, as prácticas profesionais non laborais. Simultaneamente ao período de formación estase a realizar a labor de intermediación laboral por parte do equipo técnico do programa, cun alto volume de ofertas xestionadas e axustando as candidaturas ao solicitado por parte das empresas e aos perfís dos participantes no programa. Neste senso, e cando se cumpre a metade do programa, o nivel de inserción de persoas con entrada no mercado laboral é xa dun 45%. 

Esta iniciativa, que se desenvolve no Centro de Emprego do Concello de Ferrol, conta con 100 participantes que forman parte de colectivos prioritarios como son as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, menores de 30 anos cualificados, maiores de 45 anos, persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción, persoas desempregadas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional, mulleres e inmigrantes. 
Nos meses de xullo e agosto impartiuse a formación específica con itinerarios deseñados en función dos colectivos usuarios e das demandas das empresas. Neste senso desenvolvéronse 100 horas de actividades auxiliares de comercio, 100 horas de formación en venda, almacén e loxística, dous cursos de formación en carretilla e plataformas baixo norma UNE, 100 horas de elaboración e preparación de produtos cárnicos e outras 100 en técnicas de limpeza. Ademais, realizáronse tanto actividades individuais como grupais dirixidas a mellorar a empregabilidade do grupo. 
Entre setembro e outubro desenrolaranse as prácticas profesionais non laborais. Serán entre 150 e 200 horas en sectores de referencia como alimentación, textil-calzado, informática, administración, electrónica de consumo, tendas animais, xoguetes, deportes, deseño gráfico-artes gráficas, cooperativas, sector sociosanitario, grandes superficies, almacéns de construcción e bricolaxe. Un total de trinta e cinco empresas participan nesta acción para a inserción laboral. 
A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, María Teresa Deus, recalca que “o obxectivo principal deste programa é que os participantes atopen emprego” e remarcou que a cuestión laboral é “unha das principais preocupacións” do goberno municipal de cara aos próximos catro anos. 

O Concello xa prepara a edición “Ferrol Inserta 9” 
A finais do mes de xullo o Concello de Ferrol presentou á Consellería de Economía, Emprego e Industria a súa candidatura para desenrolar o programa integrado de emprego “Ferrol Inserta 9”, dando así continuidade ao “Ferrol Inserta 8”. Respecto a este último habería una novidade: vanse impartir dous certificados de profesionalidade, un de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outro de operación auxiliares de servizos administrativos e xerais. Nesta ocasión xa son máis de 40 as empresas que presentaron as cartas de compromiso.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar