Novas

venres, 06 de setembro de 2019

O alcalde e a subdelegada do Goberno mostran a súa vontade de reforzar a colaboración en materia de seguridade

A Xunta Local de Seguridade de Ferrol volveuse celebrar despois de dous anos e medio da última convocatoria


O alcalde e a subdelegada do Goberno mostran a súa vontade de reforzar a colaboración en materia de seguridade

Esta mañá celebrouse no pazo municipal de Ferrol a Xunta Local de Seguridade por primeira vez no mandato, coa asistencia do alcalde, Ángel Mato, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo. A reunión de hoxe serviu para retomar o traballo deste órgano de coordinación, despois de un período de dous anos e medio sen convocarse. López-Rioboo incidiu nese feito asegurando que “unha cidade coma Ferrol merécese que os temas importantes de seguridade se poidan analizar entre as policías, a Delegación do Goberno e o Concello”. “Estou seguro de que a partir de agora se vai reunir con moita maior frecuencia”, remarcou o alcalde. 
Entre os asuntos que se trataron na xuntanza estaban a seguridade cidadá no barrio de Recimil, o tráfico e consumo de drogas e a adhesión do Concello de Ferrol ao programa Viogen contra a violencia de xénero. A subdelegada do Goberno explicou que se aproveitou para poñer en común os protocolos de actuación ante posibles problemas e púxose a disposición do goberno local para axudar a resolvelos. 
O alcalde deulle as grazas por responder a unha convocatoria “moi necesaria” e que resultou “útil”. Detallou que se abordou a situación de todos os barrios da cidade e que en Recimil será necesario “retomar a regularización do censo” para poder intervir en casos de ocupacións e garantir a seguridade e a convivencia na zona, sempre respectando os dereitos de todas as persoas e actuando con “seguridade xurídica”. Tamén lembrou que “os mecanismos para evitar ocupacións son limitados” e que atopar unha solución definitiva “levará tempo”. 
Mato considera que en outras cuestións problemáticas como o tráfico de drogas a Policía Nacional e a Policía Local “veñen colaborando” e que as actuacións en materia de seguridade “deben ser conxuntas” e coordinadas. López-Rioboo defendeu que o repunte do consumo de estupefacientes ten que preocupar, pero que é común a moitos concellos, e non só se da nun concreto.
 
Programa contra a violencia de xénero 
En canto ao programa Viogen, na reunión acordouse a constitución da mesa local en materia de violencia de xénero, da que formarán parte diversas entidades ademais das policías e a Administración. O Concello xa está adherido ao programa, pero para completar a súa integración definitiva falta que a Policía Local conte con efectivos suficientes, cousa que, expresaron tanto o alcalde como a subdelegada, debera solucionarse o próximo ano, cando se poida incrementar o número de axentes. Isto non significa “en ningún caso” que os medios para combater a violencia de xénero sexan insuficientes, asegurou López-Rioboo, que explicou que as víctimas son atendidas pola Policía Nacional.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar