Novas

domingo, 08 de setembro de 2019

A rápida intervención dos bombeiros evitou a propagación dun incendio nas inmediacións de Parque Ferrol

O lume consumiu unha superficie duns 500 metros cadrados nunha zona próxima á estación de servizo de Carrefour


A rápida intervención dos bombeiros evitou a propagación dun incendio nas inmediacións de Parque Ferrol

A rapidez coa que os bombeiros de Ferrol acudiron onte á noite á avenida do Buque Escola Galatea, nas inmediacións de Parque Ferrol, evitou que un pequeno incendio forestal que acababa de prender se estendera pola zona, moi próxima á estación de servizo de Carrefour. Foi un veciño quen alertou do lume xusto ás 22.00 horas. A dotación que se desprazou ao lugar chegou en apenas dous minutos, e ás 22.07 xa puido iniciar os traballos de extinción. As chamas superaban nese momento os tres metros de altura e avanzaban cara a autopista. O dispositivo contou con dous vehículos autobomba (un lixeiro e outro forestal pesado) cos que en pouco menos dunha hora catro bombeiros e o cabo de garda lograron afogar totalmente o lume e refrixerar a zona, sobre todo as carochas da “cortaderia” ou “herba da Pampa”, moi presente na zona.

Finalmente, revisaron toda a superficie acompañados dun axente forestal que tamén acudiu ao lugar. Dado que comprobou que os bombeiros do parque ferrolán foron quen de controlar perfectamente o incendio cos seus propios medios, xa non considerou necesario dar aviso ás brigadas forestais da Xunta. O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, felicitou aos efectivos que nese momento formaban parte “do completo servizo de garda que Ferrol ten permanentemente” pola súa eficacia e rapidez, dado que evitaron “males maiores debido á cantidade de vivendas que hai na zona, así como a gasolineira”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar