Novas

mércores, 11 de setembro de 2019

As obras na estrada de San Xoán a Catabois comezarán este outono

O alcalde, Ángel Mato, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, analizaron esta mañá diversos proxectos da institución provincial para Ferrol


As obras na estrada de San Xoán a Catabois comezarán este outono

O alcalde, Ángel Mato, recibiu onte ao presidente de Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na que é a súa primeira visita institucional a Ferrol no novo mandato. Ambos mantiveron unha reunión de traballo no pazo municipal na que se analizaron diversos proxectos que a institución provincial
prevé desenvolver na cidade nos próximos anos. Entre eles, abordaron actuacións en materia de emprego, turismo, infraestructuras, cultura e deporte, e fixeron especial mención ao Camiño Inglés.
Segundo explicou Mato, o encontro serviu para afondar no “marco estable de colaboración” que existe entre o Concello e a Deputación “desde hai moitos anos”. Nese senso, o presidente provincial dixo que esa colaboración se substancia, sobre todo, a través dos plans da Deputación, coma o Plan Único, e referiuse, máis concretamente a actuacións como as obras na estrada de San Xoán a Catabois (que, anunciou, comezarán este mesmo outono) ou as catro fases das beirarrúas na vía que une Serantes e A Cabana, que recollen unha inversión global próxima aos dous millóns de euros. Tamén lembrou que a Deputación fai “a maior aportación” a Exponav.

Actuación na travesía da DP-3604
As obras que se van iniciar na estrada DP-3604, que une San Xoán de Filgueira con Catabois, teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria e para os peóns, ademais de humanizar a contorna. O proxecto supoñía un investimento superior aos 523.000 euros, aos que o pasado agosto se engadiron 49.000 máis para soterrar as instalacións de telefonía e electricidade, unha modificación que motivou o adiamento dos traballos ata agora.
Levaranse a cabo no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0,900 e
1,801 e consistirán en dotar esta travesía urbana de beirarrúas de dous metros de ancho nos lugares onde non existen, así como anchear a vía ata os oito metros, sete dos cales serán de calzada e 0,5, a cada lado, de beiravía (na actualidade, o ancho total vai dos 5,40 aos 6 metros). O proxecto contempla tamén novas prazas de estacionamento, a canalización das augas pluviais e a renovación de servizos e sinalización. A estrada tamén terá novo firme.

Compromiso para levar a cabo todas as fases das beirarrúas da Cabana
González Formoso tamén aproveitou a súa visita a Ferrol para manifestar o seu
compromiso co proxecto das beirarrúas da Cabana, que consta de catro fases, cunha primeira rematada. Asegurou que no presente mandato “vaise ver todo feito”. Díxoo ante numerosos veciños da Cabana cos que onte puideron falar tanto el coma o alcalde, que acudiron acompañados polos enxeñeiros do servizo de Vías e Obras da Deputación e polos concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e Obras e Servizos, Ana Lamas, tamén deputada provincial. Mato lembrou neste encontro, no local veciñal, que este proxecto vén xa do ano 2009, polo que constitúe “unha xusta reclamación”.
Na actualidade, está completada a primeira fase e acábase de iniciar o proceso de expropiacións para a segunda, onde está previsto que as obras comecen o próximo verán. Esta é a que concentra unha partida orzamentaria máis elevada, con 636.000 euros por parte da Deputación e case 227.000 que achega o Concello para as expropiacións. A terceira fases está aprobada inicialmente cun orzamento de 547.000 e 220.000 euros procedentes, respectivamente, de cada unha das Administracións. Para a cuarta fase está redactado o proxecto, que necesitará unha actualización. A Deputación destinará a el 311.000 euros, mentres que o Concello farase cargo de 14.000.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar