Novas

mércores, 11 de setembro de 2019

O alcalde e o concelleiro de Educación reuníronse coa dirección e pais de alumnos do Cruceiro de Canido

Trasladaranlle á Xunta as reivindicacións da comunidade escolar respecto das obras que a Consellería fai no colexio


O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Educación, Antonio Golpe, visitaron esta mañá o colexio Cruceiro de Canido acompañados por técnicos municipais para revisar o estado das obras que a Xunta de Galicia está a levar a cabo no centro e reunirse coa dirección e con pais de alumnos. Os representantes da comunidade escolar expuxéronlles os prexuízos que consideran que están a causar os traballos e que, segundo dixeron, impiden o normal inicio do curso. Ambos puideron comprobar de primeira man estas incidencias, que se reproducen en varias dependencias das instalacións.
Antonio Golpe mostrouse “moi sorprendido” de que as obras non incluíran a limpeza posterior, pese a que se trata de unha actuación que xera grandes cantidades de po e outros residuos, e que non se adoptasen medidas para protexer o mobiliario e o material que hai no interior das aulas. De todos os xeitos, o alcalde asegurou que se vai poñer en contacto coa Consellería de Educación para trasladarlle a necesidade de que se adopten as medidas necesarias, incluso con medios de limpeza industriais, para que as clases se poidan desenvolver nas mellores condicións, e mostrou a disposición do Concello de contribuír na medida do posible a que así sexa, pese a que a obriga da Administración municipal é estrictamente cumprir coas tarefas de limpeza ordinarias, e non coas derivadas con obras de tal envergadura.

O Concello xa cubriu a baixa que se produciu na conserxería
Por outra banda, o Concello ven de cubrir a baixa na conserxería do centro, que se produciu recentemente, para que o colexio conte co persoal necesario de cara ao inicio do período lectivo. Segundo explicou a concelleira responsable da área de Recursos Humanos, María Teresa Deus, fíxose “coa maior celeridade”, tal e como demandaban os representantes da comunidade escolar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar