Novas

mércores, 02 de outubro de 2019

O Concello e Institucións Penitenciarias firmarán un novo convenio para que os penados traballen en beneficio da comunidade

Terá unha duración de catro anos, prorrogables por catro máis, e ofrecerá tres prazas en diferentes servizos municipais


O departamento municipal de Seguridade, que dirixe o concelleiro Germán Costoya, presentou esta mañá á comisión informativa de Urbanismo, Medio Ambiente e Seguridade o novo convenio entre o Ministerio de Interior, a través da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, e o Concello de Ferrol para o cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade. O acordo dálle continuidade a outro xa existente, que era necesario adaptar ás últimas modificacións normativas. 
Segundo explicou Germán Costoya, o convenio terá unha vixencia de catro anos, prorrogables por catro máis, e non supón custo ningún para o Concello. Os penados que participen nesta iniciativa prestarán determinadas actividades de utilidade pública sen obter retribución por elo. No documento constan tres prazas. Unha para a limpeza das instalacións deportivas situadas no recinto de FIMO, na Malata. Este traballo desenvolverase en horario de mañá, de 9 a 14, de luns a venres. No departamento de Parques e Xardíns do Concello hai outra praza para tarefas de limpeza e mantemento das zonas verdes. O horario será de 8 a 14. A terceira e última será en Obras, para ocuparse das labores de pinche de 7.30 a 13.30 horas de luns a venres. 

Proposta ao pleno 
O concelleiro de Seguridade valora “moi positivamente” proseguir, a través deste convenio, cunha labor que permite a suspensión da execución das penas privativas de liberdade e a súa substitución por traballos de utilidade pública, por canto a propia Constitución establece que as penas deben estar dirixidas á reeducación e a reinserción social, algo que “está en especial consonancia con este tipo de acordos”. Este convenio será elevado ao pleno da corporación municipal para que resolva sobre a súa aprobación, tras a que entrará en vigor en canto se publique no Boletín Oficial do Estado.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar