Novas

xoves, 03 de outubro de 2019

“Atmósfera Galicia” inicia en Ferrol a súa peregrinación polo Camiño Inglés

O Centro Torrente Ballester acolle este domingo dous concertos no marco dun festival que recorrerá os municipios da ruta xacobea ata chegar a Santiago


“Atmósfera Galicia” inicia en Ferrol a súa peregrinación polo Camiño Inglés

O Centro Torrente Ballester acollerá este domingo o festival “Atmósfera Galicia”, unha cita coa música que arranca na cidade coa colaboración do Concello de Ferrol e que recorrerá os municipios do Camiño Inglés hasta chegar a Santiago.
O proxecto trata de levar a espazos arquitectónicos históricos unha serie de actividades, especialmente centrándose na música, pero dun xeito moi distinto aos concertos habituais. Trátase de encher “fermosos espazos de ondas sonoras da nosa terra”, explican desde a organización, e que o público, tanto visitantes do camiño como veciños da vila, acaden unha experiencia única podendo sentir “fermosas armonias” dentro de lugares privilexiados.
A iniciativa “Atmósfera Galicia”, cofinanciada pola Xunta de Galicia dentro do programa O Teu Xacobeo, realizarase en espazos únicos dos municipios en torno aos camiños que van a Compostela. Nesta primeira peregrinación de outono comeza a súa andaina polo Camiño Inglés facendo paradas en concellos como Ferrol, Pontedeume, Miño, Betanzos, Ordes e Santiago. O obxectivo é que o peregrino, unha vez chegue a esas paradas, teña unha cita coa música, ao igual que os veciños.
O festival, de balde, comeza ás 18.30 horas e contará con dúas actuacións. A primeira correrá a cargo del guitarrista Mateo Arnaiz, cuxo último traballo é "El sonido de las emociones", publicado no 2018. Ademais de en España, actúa regularmente en Francia, Italia, Portugal, Polonia, Letonia e Alxeria e tamén como solista xunto a orquestras sinfónicas. A segunda contará coa interpretación de Javier Cedrón, profesor de violín no Conservatorio Superior de A Coruña, quen tocou con diferentes orquestras e tamén con artistas como Mike Olfield, Ainoa Arteta, David Grimal ou Nicanor Zabaleta.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar