Novas

venres, 04 de outubro de 2019

O Concello fai públicas as bases do bonobús universitario

Estas axudas están dirixidas aos estudantes ferroláns matriculados nos campus da UDC na Coruña


O Concello de Ferrol fixo públicas as bases da convocatoria de axudas para transporte de estudantes universitarios de Ferrol aos campus da Coruña. Este bonobús universitario, que serve para financiar o desprazamento de ida e volta no mesmo día dos ferroláns matriculados nas escolas e facultades da Universidade da Coruña (UDC) na cidade herculina, consistirá na bonificación do 50 % do traxecto. 
Para ser beneficiario é obrigatorio estar empadroado en Ferrol durante todo o curso académico 2019-2020 e non superar os limiares de renda recollidos nas bases. Os máximos impoñibles por unidade familiar son os seguintes: para familias de 1 ou 2 membros, 19.000 euros; para as de 3, 21.000; para as de 4, 23.000; para as de 5, 25.000; para as de 6, 27.000; para as de 7, 29.000, e para as de 8, 31.000. 

Varios irmáns e circunstancias extraordinarias 
No caso de que dous irmáns soliciten o bonobús, o primeiro terá dereito, mentres que ao segundo concederáselle sempre que a base impoñible da unidade familiar non supere os 34.000 euros. Se se trata de tres ou máis irmáns, ese límite increméntase ata 49.000 euros. Nas bases tamén consta que no caso de que varían as condicións económicas respecto do ano anterior ou “de se producir casos extraordinarios dentro das unidades familiares”, poderanse facer constar esas circunstancias para que sexan estudadas e, no seu caso, se concedan igualmente as axudas. 
O prazo para formalizar as solicitudes será de dez días hábiles, que empezarán a contar o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), en próximas datas. Deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar