Novas

venres, 04 de outubro de 2019

Aberto o prazo para participar no Premio Solidario Cidade de Ferrol 2019

A concelleira Eva Martínez avanzou que estuda que en futuras edicións o galardón se amplíe con unha segunda categoría dedicada especialmente a proxectos de cooperación


Xa está aberto o prazo para presentar as candidaturas ao Premio Solidario Cidade de Ferrol 2019. No día de onte, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou as bases do galardón que, un ano máis, quere premiar iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado, tanto promovidos por entidades sociais como por persoas físicas.  Trátase dun recoñecemento, este ano a decimosegunda edición, dotado con 5.000 euros e o prazo de solicitude será de 30 días naturais a partir de hoxe. O pasado ano ou galardón foi a parar á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, grazas ao seu proxecto Signa con nós. Foi a proposta mellor valorada entre as 18 presentadas.  
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta a principios de agosto en comisión informativa das bases do premio, e aproveitou para explicar que se está estudando que, en próximas edicións, a cerimonia de entrega do premio se volva celebrar nos primeiros días de setembro, como viña sendo tradición, e non en decembro, mes elixido durante os últimos anos.  

Dúas categorías a partir do ano que vén 
A edila informou tamén de que se está analizando a posibilidade de ampliar o galardón. Así, a partir do ano que vén crearíase unha segunda categoría do Premio Solidario Cidade de Ferrol dedicada especialmente ao recoñecemento de proxectos de cooperación, mentres que a primeira quedaría para os de voluntariado e solidariedade. 
Martínez quixo recordar que dende o Concello “animamos” a participar nesta nova edición do Premio Solidario porque, “ademais de ser unha boa oportunidade para valorar e visibilizar o traballo realizado, o premiado recibe unha axuda para seguir promovendo proxectos neste ámbito”. A convocatoria pode consultarse na páxima web:
http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/10/03/2019_0000007843.pdf 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar